OPPO e OnePlus veñen de presentar as súas innovacións en Intelixencia Artificial (IA) na conferencia celebrada no Google Cloud Next 2024, que tivo lugara semana pasada. Ademais, ambas compañías confirmaron que empregarán nos seus dispositivos máis potentes os modelos Gemini de Google.
Coa integración dos modelos Gemini e a aposta pola Intelixencia Artificial, OPPO e OnePlus aspiran a avanzar en catro funcións que consideran básicas nos smartphones con IA: computación eficiente, percepción do mundo real, autoaprendizaxe e creatividade. Así, durante a conferencia, expuxeron as súas consideracións sobre a transformación e reestruturación do ecosistema dos smartphones con IA.
Na actualidade, máis de 10 millóns de usuarias dos dispositivos OPPO Find X7 e OnePlus 12 xa están a sacar proveito ás funcións de IA xerativa. Ademais, neste 2024, aspiran a seguir a despregar novas funcións de IA nos seus dispositivos, incluído o OPPO AI Eraser, que permite identificar e eliminar obxectos sen esforzo, reenchendo o fondo, e reducindo o rastro do post-procesamento.
OPPO afirma que o seu AI Eraser pode recoñecer máis de 120 categorías de obxectos, incluíndo persoas, mascotas, teléfonos, flores, árbores e edificios. Para acadar uns resultados máis axeitados, preparou o seu modelo empregando conxuntos de datos de mil millóns de niveis. En próximas datas, AI Eraser comezará a chegar a novos dispositivos, como o OPPO Reno11 Pro, o OPPO Reno11, o OPPO Reno11 F, o OPPO Find N3 e o OPPO Find N3 Flip.
De aquí a cinco anos, OPPO e OnePlus seguirán a desenvolver máis de 100 novas funcións baseadas na tecnoloxía de IA xerativa, e manifestan a súa intención de seguir a colaborar con diversos “socios globais” para crear experiencias IA que axuden a continuar coa revolución que está a crear.