Vodafone presume do seu liderado no mercado español da Internet das Cousas (IoT), ao superar as 7 millóns de liñas activas a 31 de marzo. Continúa así un crecemento imparábel, pois en outubro do ano pasado contaba con 6,1 millóns de liñas IoT, que xa era todo un logro. Desde aquela, activáronse 907.432 novas liñas IoT coa operadora, resultado da estratexia de diversificación de produtos e servizos que vén ofrecendo.
Na actualidade, Vodafone integra a tecnoloxía IoT en sectores como o da seguridade e as alarmas conectadas, a banca a través dos medios de pago, os operadores loxísticos, as frotas conectadas, as enerxías renovábeis, a agricultura, a xestión de cidades e vilas intelixentes (Smart Cities), a xestión de residuos, a xestión integral da auga, da electricidade ou os servizos asistenciais, entre outros.
No ámbito da subministración urbana, destaca o acordo acadado entre Vodafone e Aqualia, o maior operadora privado de servizos relacionados coa auga que traballa en varios concellos de Galiza, para dixitalizar o ciclo de xestión da auga. Isto implicará a conexión á rede NB IoT de máis dun millón de contadores de auga en todo o estado durante os primeiros anos de contrato.
Outros proxectos destacados son os relacionados coa protección dos ecosistemas e os traballos en prevención de incendios, onde xa se traballou nun piloto de detección temperá de lumes na súa fase inicial; a mobilidade ou os servizos asistencia. Neste último campo, Vodafone desenrolou unha solución de teleasistencia dixital orientada a axudar ás empresas e entidades que ofrecen estes servizos a comunicarse con persoas dependentes a través do control e a xestión remota.
O campo da IoT semella estar no seu mellor momento. Non en van, a semana pasada coñecemos o resultado dun estudo que apunta a que Galiza se sitúa nos territorios nos que máis medra a súa implantación, grazas á modernización de sectores que viñan sendo considerados tradicionais.