Fíltranse os primeiros detalles do 14T Pro

No mes de febreiro Xiaomi anunciou no MWC a serie Xiaomi 14. Mais agora o foco comeza a situarse nas variantes “T”, esperadas para o mes de setembro. As dúas referencias agardadas, o Xiaomi 14T e o Xiaomi 14T Pro, chegarán para completar a serie Xiaomi 14 deste 2024, situándose un chanzo por baixo en prezo dos modelos xa coñecidos da gama.

Desfacendo o código fonte da última versión de HyperOS, o sistema operativo baseado en Android que está a empregar Xiaomi, a xente de Android Headlines descubriu parte das características do Xiaomi 14T Pro, así como tamén que o Xiaomi 14T será comercializado de maneira global.

Centrándonos nas especificacións do Xiaomi T14 Pro, o novo equipo chegará co procesador MediaTek Dimensity 9300, fabricado coa tecnoloxía de catro nanómetros, e que destaca por ofrecer unha velocidade máxima de 3,25 GHz. O seu sistema de fotografía será Leica, e contará -cando menos- cunha cámara tipo teleobxectivo.

Tamén se descubriu que terá unha batería de 5.000 mAh, e que será compatíbel cos sistemas de carga sen fíos.

O resto de prestacións son, de momento, unha incógnita, mais tamén hai que ter en conta que aínda é demasiado cedo para ter datos completos destes modelos que, de seguro, volverán ser todo un éxito en vendas.

Sobre o autor

Reply