A Deputación de Lugo anunciou esta semana na Fonsagrada o inicio da implantación do programa Impulsa TIC, no que participan 52 concellos lugueses. A través destre programa, a Deputación achegará ferramentas tecnolóxicas que permitirán avanzar na modernización e transformación dixital destes concellos, mellorando tanto a xestión municipal como o servizo que estes ofrecen á veciñanza.
O programa conta cun orzamento de 4,5 millóns de euros -financiados pola Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia- e estivo aberto a todos os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Destes, foron 52 os que decidiron adherirse ao programa e trasladar á institución provincial o punto de partida e as súas necesidades iniciais.
Desde esta semana realizaranse as primeiras auditorías que permitirán coñecer a situación informática de cada unha das entidades locais, con visitas presenciais e telemáticas. Auditoría que tamén se realizará ao remate do proceso, para avaliar os obxectivos acadados e o avance conseguido na dixitalización.
A Deputación de Lugo ten en proceso de contratación diversos servizos e subministracións necesarias para a execución do plan Impulsa TIC. Entre estas están a dixitalización do Rexistro; a integración do tramitador electrónico coa carpeta cidadá; a implantación de asistentes virtuais nas web municipais que respondan ás dúbidas das cidadán as 24h do día; a incorporación de ferramentas de accesibilidade web para persoas con capacidades diversas; a revisión e mellora do portal de transparencia dos concellos; a automatización do sistema de actas para os plenos; ou a subministración de equipamentos informáticos como ordenadores e tablets que permitan a creación de postos de traballo intelixentes, entre outras.
Concellos adheridos ao programa Impulsa TIC
Os concellos da provincia de Lugo adheridos ao programa Impulsa TIC son Abadín, Alfoz, Antas de Ulla, Baleira, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Burela, Castroverde, Cervantes, O Corgo, Cospeito, Chantada, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, O Incio, Láncara,
Lourenzá, Meira, Monforte de Lemos, Monterroso, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As
Nogais, Ourol, Pantón, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra do Brollón, Pol, A Pontenova,
Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria,
O Saviñao, Sober, Taboada, Trabada, Vilalba, Viveiro, Xermade e Xove.