No calendario deste ano Telefónica tiña marcado en vermello o 19 de abril. Ese día, coincidindo coa data do seu centenario, a operadora tiña anunciado que apagaría o ADSL. Pero iso non pasou. Malia todos os emails, SMS e burofax enviados ás usuarias que aínda non foron migradas a fibra para cambiar de tecnoloxía, o servizo ADSL segue a funcionar igual (de mal).
En outubro de 2023 a compañía aínda mantiña 286.000 liñas ADSL pendentes de migrar a outras tecnoloxías (fibra ou, no seu defecto, Internet Radio ou satélite). Mais facer o corte de maneira radical tería sido un grave problema de reputación para a operadora, e un grave problema de xestión da atención ao cliente.
O peche será progresivo, e de feito, a Comisión Nacional dos Mercados e Competencia xa tiña publicado un calendario coas datas de peche previstas para todas as centrais de ADSL (que se pode descargar aquí en formato Excel). Isto non quita que Telefónica pretenda facer o apagado antes desas datas, se pode ter migradas a todas as usuarias a novas tecnoloxías máis rápidas e eficientes.
Segundo o calendario da CMNT, o próximo 30 de abril pecharán 126 centrais, ás que se sumarán 1.106 o 29 de maio. O 25 de setembro pecharán 122; o 19 de outubro, 3.304; o 29 de outubro 126 e o 27 de novembro, 119. Xa no 2025, o 21 de abril pecharán 51 centrais; 659 o 27 de maio e, finalmente, as dúas restantes o 10 de marzo de 2026.
De non ter acceso á fibra, as mellores alternativas ao ADSL témolas nas alternativas baseadas en Internet móbil, como o servizo Vodafone Hogar 5G que vimos de analizar, ou outras que empregan o satélite.