Coloquio e “Ruta das Exploradoras Dixitais” por Compostela para conmemorar o XII Día das Rapazas nas TIC

Este xoves, 25 de abril, conmemórase o Día Internacional das Rapazas nas TIC. E para celebralo, o Centro de Supercomputación de Galiza (CESGA) preparou con este motivo unha axenda de actividades deseñado para centros educativos, que inclúe un coloquio web e unha visita pola Ruta das Exploradoras Dixitais.

Contra as 11 da mañá, catro profesionais galegas que traballan a diario coas tecnoloxías contarán a súa traxectoria, no que traballan e o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida das persoas. Desde os centros escolares de primaria e secundaria que participen online –deben facer a inscrición neste enlace– poderán enviarlles as súas preguntas e compartir inquedanzas, para que elas poidan respondelas en directo.

Nesta conmemoración do XII Día das Rapazas nas TIC participarán no coloquio Antía Fernández López, enxeñeira de telecomunicacións e traballadora de GRADIANT; Lorena Fernández López, matemática e traballadora no CESGA; Olalla Rama García, enxeñeira informática que está a traballar nun proxecto da AMTEGA; e Noemí Basanta Cheda, arquitecta e traballadora en Galoín Playgrounds.

Xa para a tarde, entre as 17.00 e as 19.00h, está programada unha actividade para a rapazada pola contorna de Compostela. Será coa “Ruta das Exploradoras Dixitais“, un plan diáctico para descurbir a actividade arredor da tecnoloxía que se fai no CESGA e no CITIUS, con visitas adaptadas ao supercomputador FinisTerrae II e ao ordenador cuántico de Galiza Qmio, con demostracións das tecnoloxías actuais.

Nun percorrido polo Campus da USC entre a ambos centros, coñeceranse a 5 referentes históricas e actuais do mundo da tecnoloxía, descubrindo os logros tecnolóxicos acadados polo importante rol das mulleres no ámbito das TIC. O percorrido estará guiado polas científicas do CESGA e do CITIUS.

As prazas para esta ruta están limitadas a 100, e as menores deberá ir acompañadas dunha adulta (aínda que unha mesma persoa adulta poderá facerse cargo de varias participantes). As inscricións poden facerse neste enlace.

O Día das Rapazas nas TIC

O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha celebración orientada a motivar ás novas xeracións de mozas a considerar o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.

As actividades están organizadas polo Centro de Supercomputación de Galiza (dependente de GAIN e CSIC), xunto coa Secretaría Xeral de Igualdade, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática e coa colaboración do CITIUS. Tamén contribúen a Consellaría de Educación; a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT-Gal); a Asociación .GA; a USC, a Facultade de Informática da UDC; a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo; e os colectivos Hello Sisters! e GalsTech.

Sobre o autor

Reply