O 2024 non comezou ben para Samsung, que pouco despois das uvas -e cos datos do último trimestre de 2023- perdeu o liderado do mercado de smartphones, sendo lixeiramente superado por Apple. Porén, pouco durou o “reinado” da compañía da mazá mordida, pois cos datos do primeiro trimestre Samsung volve poñerse por diante.
Segundo publicou recentemente IDC, Samsung distribuíu durante os tres primeiros meses do ano 60,5 millóns de unidades, fronte aos 50,1 millóns distribuídos por Apple. Cabe destacar que os “dispositivos distribuídos” son os que os fabricantes poñen a disposición das tendas, non as vendas reais. Porén, é o único dato dispoñíbel e que se considera referencia no sector da industria da telefonía móbil.
É evidente que nestes resultados ten moito que ver o lanzamento da nova serie Galaxy S24 de Samsung. Así como o Galaxy S23 pasou máis desapercibido, os novos Galaxy S24 potenciados con Intelixencia Artificial están a causar bastante interese no mercado, e iso trasládase ás vendas.
Xiaomi, Oppo e un fabricante “descoñecido” completan o “top 5”
Tras Samsung e Apple, o terceiro fabricante en liderar a distribución de dispositivos é Xiaomi, con 40,8 millóns de unidades. OPPO sitúase no quinto lugar, con 25,2 millóns de unidades. A sorpresa chega no posto catro, no que atopamos a Transsion, un fabricante que acadou as 28,5 millóns e unidades distribuídas.
Con sede na cidade chinesa de Shezen, Transsion conta con tres marcas: Tecto, Infinix e Itel. Están destinadas as mercados emerxentes, e teñen especial relevancia en mercados como África, América Latina e Asia.