O 6G estrea imaxe oficial

Mentres as operadoras están a afanarse no despregamento das redes 5G (5G NSA) e 5G+ (5G SA), a industria xa traballa na definición da próxima xeración de telefonía móbil. Falamos das redes 6G, previstas para comezar a funcionar arredor do ano 2030.

O 3GPP, organismo internacional que establece a estandarización das redes desde a terceira xeración, vén de presentar a imaxe desta nova xeración de telefonía móbil. Faino ás portas dun encontro no que analizará os casos de uso do 6G, avanzando o desenvolvemento técnico a partir do IMT-2030 da ITU no que se indican o conxunto de prestacións que debe ter a futura xeración móbil.

Que podemos esperar das redes 6G

Estímase, como non podería ser de outro xeito, que o 6G traia consigo melloras en canto á velocidade, latencia, capacidade de tráfico e fiabilidade, no camiño de “poder replicar o mundo físico na rede”.

As previsións apuntan a que poderían acadarse velocidades pico de 200 Gbps, e estables de entre 300 e 500 Mbps. A latencia reduciríase até 0,1 ms, o que permitiría unha comunicación practicamente instantánea, e cun nivel de fiabilidade do 99,99999%.

Para funcionar, prevense empregar as bandas de espectro desde as bandas baixas -por baixo de 1 GHz- até a banda media no rango de 1-25 GHz e a banda alta no rango de 24-300 GHz. Por último, entre as súas aplicacións potencias estarían os campos da realidade extendida, as comunicacións holográficas, a intelixencia artificial interconectada e a eficiencia enerxética.

Sobre o autor

No Responses

Reply