Novos CUPRA Formentor e CUPRA León

CUPRA vén de desvelar os novos CUPRA Formentor e CUPRA León. Trátase dunha revisión de dous dos modelos que xa son emblemáticos da marca, e que chegan redeseñados e mellorados para continuar a estela dos seus predecesores.

O novo exterior inclúe o logotipo de CUPRA integrado no capó, con forma de nariz de tiburón e faros matrix LED triangulares. Na parte traseira, a tecnoloxía de iluminación LED preséntase igualmente con deseño triangular, engadindo no novo CUPRA un toque distintivo co logotipo de CUPRA situado na parte central, entre as ópticas posteriores.

Estrean tamén ambos modelos novas cores, Century Bronze Mate e Gris Enceladus Mate, cos que a marca quere engadir “máis cáracter”. E no seu interior atopamos unha combinación de deportividade, con avances no uso de materiais sostíbeis e a integración de novas tecnoloxías dixitais.

O habitáculo interior vén con elementos redeseñados, como a consola central. Os seus asentos Bucked poden ir tapizados cunha microfibra sostíbel -elaborada nun 73% por materiais reciclados e perforación láser- ou nun coiro respectuoso co medio ambiente.

A dixitalización está centrada no condutor, cunha nova interface home-máquina que forma parte da instrumentación Digital Cockpit tras do volante. Tamén mellora o sistema de información e entretemento, engadindo unha pantalla máis grande (12,9 polgadas), cun control deslizante retroiluminado.

Ambos modelos incorporan tamén un novo equipo de audio de alta fidadelidade con 12 altofalantes, desenvolto en colaboración con Sennheiser Mobility, a prestixiosa firma de aduio premium. O sistema ofrece o son puro característico de Sennheiser, cunha potencia de 390 vátios. Ademais, grazas ao software AMBEO Concerto de Sennheiser, é capaz de diferenciar as compoñentes fundamentais da música -incluíndo distintos instrumentos- e rexistrar información sobre o espazo no que se reproduce o audio, restribuíndoo da mellor forma posíbel por todo o vehículo.

En canto á oferta mecánica, inclúense catro tecnoloxías diferentes: TSI (gasolina), eTSI (mild hybrid), TDI (diésel) e unha nova xeración de e-HYBRID (híbrido enchufábel). A gama e-HYBRID ofrece agora até 272 CV (200 kW), máis de 100 quilómetros de autonomía totalmente eléctrica e compatibilidade con carga rápida (até 50 kW en CC).

Dispoñíbel en exclusiva para o CUPRA Formentor e o CUPRA León Sportstourer, o novo motor gasolina TSI de 333 CV (245 kW) asóciase coa tecnoloxía Torque Splitter de reparto de par e a un equipo de frenos Akebono.

CUPRA Formentor e CUPRA León

O CUPRA Formentor é o vehículo máis vendido da marca, conseguindo situarse na cabeza do mercado dos SUV Crossover, con máis de 120.000 entregas acumuladas en todo o 2023. Isto supón un notábel incremento o 23% respecto ao 2022, que agora a compañía pretende seguir afianzando coa nova versión.

Pola súa banda, o CUPRA León ofrece un carácter máis marcado, tanto con carrocería de 5 portas como Sportstourer.

Ambos modelos están deseñados, desenrolados e fabricados en Barcelona, na sede da marca en Martorell. O Formentor ten prevista a súa chegada ao mercado durante o terceiro trimestre deste 2024.

Unha marca en crecemento

CUPRA atópase nun gran momento, tras ter entregado 56.600 vehículos no primeiro trimestre de 2024. Isto supón un incremento do 21,4% respecto ao mesmo período de 2023.

Así mesmo, o mes de marzo converteuse no mes récord histórico da compañía, acumulando un total de 23.800 entregas.

Sobre o autor

Reply