nubia, a segunda marca de ZTE, vén de anunciar a posta á venda no noso país do nubia Flip 5G. Trátase do primeiro modelo encartábel deste fabricante, que destaca por posicionarse na gama media – alta e manter un prezo contido.
Tal e como adiantamos, tras unhas primeiras impresións no Mobile World Congress, nubia aspira a captar parte do público que gosta deste tipo de dispositivos tipo cuncha, pero que non está disposta a pagar unha cantidade próxima aos 1.000 € que custan os modelos máis avanzados.

O nubia Flip 5G está equipado con dúas pantallas: un panel OLED externo circular de 1,43 polgadas para notificacións e un panel AMOLED de 6,9 polgadas no seu interior, con taxa de refresco de 120 Hz. O seu procesador é un Qualcomm Snapdragon 7 Gen 1, combinado con 8 ou 12 GB de RAM e 256 ou 512 GB de memoria interna.
No apartado fotográfico atopámonos con que dispón de dobre cámara traseira, formada por un sensor principal de 50 MP e un segundo sensor de 2 MP para o efecto retrato. Na parte dianteira temos unha cámara frontal de 16 MP.

A batería sitúase nos 4.310 mAh de capacidade, con sistema de carga rápida de 33 W. E completando a listaxe de características temos sensor de pegadas dixitais lateral, WiFi 6E, Bluetooth 5.2, 5G e Android 14 como ssitema operativo.
Dispoñibilidade e prezo do nubia Flip 5G
O nubia Flip 5G xa está dispoñíbel para a súa compra online por 599 €, na súa variante de 8 + 256 GB e en cor negro (Cosmic Black) ou dourado (Sunshine Gold). Na tenda en liña amosa tamén unha versión en lilá (Flowing Lilac), así como tamén un modelo de 12 + 512 GB por 699 €, mais polo de agora fica sen dispoñibilidade.
As primeiras 200 usuarias en facerse con este trebello recibirán gratuitamente uns auriculares nubia Earbuds valorados en 39,99 €, e todas as persoas que posteen a súa valoración a devolución de 20 €.
Máis info | nubia