Seguindo a directiva europea, o Consello de Ministros aprobou a modificación do Regulamento sobre a comercialización de equipos Radioeléctricos, co obxectivo de introducir a obrigatoriedade de que todos os novos cargadores de aparellos electrónicos sexan USB Tipo C.
Será a partir do 28 de decembro deste 2024. Logo desa data, todos os cargadores de teléfonos móbiles, tablets, auriculares, altofalantes ou videoconsolas portátiles -entre outros- deberán ser de tipo C. Con este cambio, as usuarias gañamos en comodidade, ao dispor da posibilidade de adquirir estes equipos sen o dispositivo de carga. Ademais, tamén se reduce o impacto ambiental, ao xerarse menos residuos electrónicos.
No caso dos ordenadores portátiles -moitos dos cales xa contan con este conector de carga- a mesma obrigación entrará en vigor algo máis tarde, en abril de 2026. Deste xeito, dáse unha maior marxe á industria para adaptarse á normativa.
Influencers e Lei Xeral de Comunicación Audiovisual
O mesmo Consello de Ministros tamén estableceu o requirimento para regular a figura das chamadas “influencers”. O obxectivo é que estas cumpran coa Lei Xeral de Comunicación, do 2022, que inclúe unha serie de obrigacións. Entre estas están a prohibición de emitir anuncios de tabacos e alcol, así como a necesidade de etiquetar os contidos por idades.
O Real Decreto define ás influencers como “usuarias de gran relevancia”, en función de dous criterios simultáneos: o económico, que esixe uns ingresos anuais superiores aos 300.000 derivados do conxunto da súa actividade audiovisual; e o de audiencia, que esixe unha audiencia superior a un millón de seguidoras nunha plataforma ou dous millóns no conxunto de todas, así como a publicación de 24 ou máis vídeos por ano.
Todas as persoas que cumpran ambos criterios deberán inscribirse no prazo máximo de dous meses no Rexistro Estatal de Prestadores Audiovisuais como usuarios de especial relevancia.