Arcfox, a marca chinesa de coches eléctricos que distribuirá desde Ferrol a 25 concesionarios

O pasado xoves o Porto de Ferrol vestiuse de gala para celebrar a chegada dos primeiros vehículos da chinesa Arcfox. A compañía escolleu o porto desta cidade galega para o desembarco e posterior distribución dos seus vehículos en Europa, grazas á colaboración de Atium Logistics, unha firma loxística con sede en Bergondo e instalacións no porto de Ferrol.

Polo de agora, o porto ferrolán recibiu catro unidades de forma testemuñal, se ben prevese que a finais de mes ou comezos de xuño chegue o primeiro cargamento. E é que a compañía prevé importar 3.000 unidades de aquí a finais deste 2024, e a partir de aí ir ampliando a cantidade a unha cifra de entre 5.000 e 8.000 unidades por ano.

O catálogo inicial de modelos que a compañía ten previsto distribuír no noso país está formado por catro vehículos:

  • O Alpha S5, considerado o máis exclusivo e innovador, co mellor rango operativo e rendemento. É de tipo berlina, con corte deportivo, e unha aceleración de 0 a 100 km/h en 3,7 segundos grazas aos seus 533 CV. Promete unha autonomía máxima de 708 quilómetros.
  • O Kaola, de pequeno tamaño e deseñado para familias, con detalles como a mobilidade da silla do neno ou un quecedor de biberóns. Dispón de tres versións e e potencia de 161 CV, con autonomía de 400 quilómetros e sistema de control todo terreo.
  • O Alpha S, de gama alta. Unha berlina con 235 CV cuxa aceleración oscila entre os 4,2 e os 8,3 segundos, e unha autonomía que pode acadar os 688 quilómetros.
  • O Alpha T, un coche tipo SUV eléctrico con 660 quilómetros de autonomía e aceleración de 0 a 100 km/h en 4,6segundos. Dispón de sistema de control todoterreo adaptativo.

Os seus prezos oscilan entre os 30.000 e 60.000 euros e a súa garantía é de 5 anos (ou 120.000 quilómetros). A batería tan unha garantía de 10 anos ou 200.000 quilómetros, e están fabricadas por CATL, un provedor habitual no mercado dos vehículos eléctricos.

Durante a presentación, Arcfox desvelou que conta na súa primeira fase de distribución coa colaboración de 25 concesionarios no conxunto do Estado. Será o español o primeiro mercado europeo, seguido de Portugal.

Fotos: Axencia EFE / Kiko Delgado

Sobre o autor

Reply