Tres xornadas para celebrar a X Maker Faire Galicia

A Maker Faire Galicia celebra este 2024 a súa X edición. E para celebrar unha edición tan especial, as organizadoras decidiron facelo dun xeito diferente. Coa idea de explorar novos temas e espazos, nesta décima edición desenvolverase un novo formato, consistente en tres xornadas que se celebrarán ao longo do 2024.

A primeira destas xornadas xa ten data. Será o próximo 29 de xuño nas instalacións de Área Central, en Santiago de Compostela. Tratarase dun evento aberto ao público no que se explorará a innovación social e o emprendemento. No programa dese día haberá espazo para as conferencias inspiradoras, os talleres prácticos e, por suposto, para a presentación dos proxectos máis destacados nas categorías Minimakers, Makers, e Divulgación e Innovación Social.

Xa no mes de novembro, a Fundación Laboral da Construción (Santiago) acollerá a Xornada de Oficios. Como pode intuírse, esta cita celebrará a importancia dos oficios tradicionais nun mundo cada vez máis tecnolóxico. O formato incluirá demostracións prácticas, talleres interactivos e conversas con expertos que darán luz a como se están a desenvolver oficios como a carpinteiría, a cerámica ou a ferreiría na era moderna.

Por último, nunha data aínda por determinar do mes de decembro, o compostelán Biopolo Sionlla será a o espazo para presentar as últimas innovacións en campos como a fabricación avanzada, a automatización ou a intelixencia artificial. Será na Xornada de Industria, na que tamén está previsto que haxa unha competición de proxectos, onde as participantes poderán amosar as súas ideas máis innovadoras ante un panel de expertos.

Sobre a Makers Faire Galicia

Detrás da Maker Faire Galicia está Design Thinkers and Makers, unha empresa de Santiago de Compostela adicada á innovación nos ámbitos educativo, empresarial, social e cultural.

No ámbito educativo, innova a través do proxecto VermisLAB, e no empresarial coa consultora Designthinking.gal. No social e cultural faino con proxectos como a propia Maker Faire Galicia ou o Roteiro Maker, onde achega a innovación á sociedade a través de experiencias interactivas.

Sobre o autor

Reply