O anuncio do Pixel 8a hai unha semana deixou fixo que na keynote inaugural da Google I/O, a conferencia anual de desenvolvedoras, o hardware quedase apartado. Porén, houbo tempo para anunciar numerosas novidades software, coa intelixencia artificial (IA) como gran protagonisma.
Como avanzaron desde Google, desenvolver a IA directamente desde o sistema operativo permite reinventar o xeito no que se interactúa co teléfono. Unhas novidades que chegan por varias frontes, a comezar por Rodea para Buscar (Circle to Search).
Esta funcionalidade, Circle to Search, foi anunciada por Google e Samsung no lanzamento da serie Galaxy S24, aínda que non tardou en expandirse aos dispositvios Pixel e novos modelos Samsung. Desde hoxe, pode axudar ao estudantado, rodeando enunciados de problemas de física ou matemáticas para resolvelos. Ademais, para máis adiante prevese que poida resolver problemas máis complexos, como cálculo alxebraico, diagramas ou gráficos, entre outros. Todo isto é posíbel grazas a LearnLM, a nova familia de modelos optimizados para a aprendizaxe.
Tamén hai novidades en Gemini, o novo tipo de asistente que emprega a IA xerativa para axudar a ser máis creativas e produtivas. Anunciaron a mellora de comprensión do contexto do que hai na pantalla e a aplicación que se usa para ofrecer uns resultados máis precisos.
Entre os exemplos de uso, están a posibilidade de “preguntar a este vídeo” de YouTube para buscar información específica nun vídeo, ou facer o propio cun PDF, aforrando tempo e desprazamentos polo arquivo. Isto último estará dispoñíbel só para usuarias de Gemini Advanced.
As persoas invidentes disporán dun Talkback máis preciso, que ofrecerá descricións máis claras e completas do que sucede nunha imaxe. Con esta actualización, achegarase contexto ás imaxes sen etiquetas ás que estas persoas teñen que afrontarse no seu día a día. O bo é que ademais, funciona mesmo sen conexión á rede.
Outro anuncio interesante foi a alerta de estafa telefónica. Esta función, aínda en probas, detecta os patróns de conversa asociados habitualmente ás estafas, de maneira que a usuaria recibirá unha alerta se un suposto representante dun banco pide unha transferencia ou solicita información persoal.
Tras estes anuncios Google anima a seguir de preto o desenvolvemento do I/O, no que mañá está prevista unha conferencia específica de Android 15. Nela previsibelmente anunciarán máis novidades sobre as posibilidades de IA que chegarán coa próxima versión do sistema operativo.
Imaxes: Google