OpenAI anuncia GPT-4o, o seu modelo máis avanzado

Nun evento online celebrado onte á tarde, OpenAI anunciou GPT-4o. Trátase da nova versión de ChatGPT, que proporciona intelixencia de nivel GPT-4 mellorando as súas capacidades en texto, voz e visión, ao tempo que promete unha maior velocidade da resposta.

Estas novidades permitirán que, por exemplo, unha usuaria poida fotografar a carta dun restaurante noutro idioma e falar con GPT-4o para traducilo, coñecer a historia da comida e obter recomendacións. Ademais, avanzaron que, no futuro, as melloras previstas farán posíbel unha conversa de voz máis natural e en tempo real, coa capacidade de conversar con ChatGPT a través de vídeo en tempo real. Volvendo aos exemplos, isto fará posíbel amosarlle a GPT-4o un vídeo de deportes en vivo e pedirlle que explique as regras do xogo.

Outra cuestión importante é a dispoñibilidade de moitas destas ferramentas de maneira gratuíta. Así, as usuarias de ChatGPT Free poderán experimentar con intelixencia GPT-4, analizar datos para crear cadros, subir arquivos para resumir ou analizar e outras opcións.

OpenAI ten previsto facer un despregamento de GPT-4o ao longo das próximas semanas, con acceso prioritario para as usuarias Plus e Team. As que empreguen o plan gratuíto terán un límite máis baixo no número de mensaxes. O límite será 5 veces superior para as usuarias Plus, e maior para as dos plans Team e Enterprise.

Sobre o autor

Reply