Digi vén de iniciar unha proba piloto con 50.000 usuarias do seu servizo de móbil, que ten por obxectivo avaliar o funcionamento de VoLTE e VoWiFi. Ambas tecnoloxías veñen cobrando importancia nos últimos anos, até terse convertido en elementos diferenciais que aportan valor a unhas compañías sobre as outras.
A tecnoloxía VoLTE permite ás usuarias chamar sen abandonar a rede 4G, é dicir, mantendo o fluxo de datos mentres se conversa. Trátase dun avance necesario polo anunciado apagado das redes 3G e 2G, previstos no caso de Movistar -provedor de rede de Digi- para o 2025 e 2027, respectivamente.
Por outra banda, VoWiFi é un avance co que as usuarias poden seguir conectadas en zonas onde a cobertura porporcionada pola rede móbil é débil, grazas ao uso da conexión por WiFi. Así, as chamadas cúrsanse a través desta rede sen fíos vencellada a unha conexión fixa (ou alternativa).
Digi ten previsto que a lista de 50.000 clientes iniciais -seleccionados entre os que dispoñen de dispositivos compatíbeis con estas tecnoloxías grazas ao IMEI- vaia medrando pouco a pouco conforme se comprobe que o servizo funciona correctamente.
Máis de 7 millóns de usuarias
Nesta xornada, a operadora ofreceu datos da súa captación de clientes durante o primeiro trimestre do 2024. A compañía sumou nestes tres meses 546.000 clientes, o que supón un aumento do 32% respecto ao mesmo período do ano anterior. Con estes datos, Digi vén de superar as 7.027.000 usuarias.