Google anuncia no I/O numerosas novidades para Android

O Google I/O que se está a celebrar esta semana está a deixar moitos titulares. Novidades que chegarán a Android e outras aplicacións e servizos de Google proximamente. Algunhas mesmo xa se poden probar a través da beta de Android 15, a versión de Android que será presentada oficialmente no outono. Unha actualización na que a Intelixencia Artificial (IA) xogará un papel importante. Pero hai moito máis.

A seguridade dos nosos dispositivos foi gañando protagonismo nas últimas actualizacións do sistema operativo, e este ano promete ir un paso máis aló. Google anunciou un sistema anti-roubo, capaz de detectar se nos quitan o teléfono da man empregando os sensores do teléfono e bloqueándoo. Evita así que estas persoas poidan acceder a os nosos datos e empregar o noso dispositivo.

Por outro lado, Android 15 tamén integrará un espazo privado, no que se poden engadir aplicacións. Deste modo, o que haxa nese cartafol estará salvagardado, protexido mediante algún sistema de autenticación (PIN, pegada dixital….) e evitando que outras persoas teñan acceso a elas. É algo que desde hai anos vén ofrecendo Samsung a través do “Cartafol seguro”, e que resulta moi interesante para manter, por exemplo, vida persoal e laboral separadas.

Outras novidades de Android teñen que ver coa función de bloqueo da pantalla de forma remota, ou a aplicación da intelixencia artificial na Play Store para detectar actividades sospeitosas nas apps instaladas, detectando posíbeis ameazas.

Para pantallas grandes -como as das tablets ou dispositivos encartábeis- Android 15 integrará un novo sistema que permite dividir a pantalla en diferentes posicións, mellorando así a capacidade da multitarefa e, polo tanto, a produtividade.

Novidades en Apps e outros dispositivos

Google tamén anunciou novidades en Gmail, coa integración de Gemini. O modelo de IA de Google axudaranos a crear respostas aos correos electrónicos, ou se encargará de resumir mensaxes longas para aumentar a nosa produtividade.

En canto a Android TV, destacan as melloras no rendemento e novos modos de enerxía que se poden seleccionar, así como un novo modo PiP (Picture-in-Picture), que permitirá ás apps amosar contido sobre outras (por exemplo, información dunha rede social sobre unha emisión de TV).

No que ten a ver coa versión de Android para os vehículos, Android Automotive permitirá enviar contido á pantalla desde o móbil. É unha funcionalidade pensada especialmente para os vehículos eléctricos, que permite -por exemplo- ver unha película mentres se espera que o coche cargue a batería nunha electrolinera.

En canto a WearOS 5, a próxima versión do sistema operativo para os reloxos e outros wearables, destaca a mellora da eficiencia para conseguir unha maior autonomía. Calcúlase que o gasto enerxético coa nova versión redúcese nun 20%.

Dispositivos compatíbeis con Android 15 beta

A beta de Android 15 está dispoñíbel para boa parte dos dispositivos Google Pixel. Son o Pixel 6, Pixel 6 Pro, Pixel 6a, Pixel 7, Pixel Pro, Pixel 7a, Pixel Fold, Pixel Tablet, Pixel 8, Pixel 8 Pro, e o recén presentado Pixel 8a.

A eles súmanse o Nothing Phone 2a, o TECNO Canon 30 Pro 5G e os OnePlus 12 e OnePlus Open.

Imaxes | Google

Sobre o autor

No Responses

Reply