Honor únese ao programa beta de Android 15 cos Magic6 Pro e Magic V2

A semana pasada Google anunciou importantes novidades para Android 15, moitas das cales xa poden probar as usuarias de dispositivos Pixel e OPPO. A eles súmase agora Honor, cos seus modelos Honor Magic6 Pro e Honor Magic V2.

Este programa beta facilita aos desenvolvedores ter acceso anticipado ás últimas actualizacións de Android, permitindo probar novas funcións e mellorar a compatibilidade das súas aplicacións en teléfonos como os novos referentes de Honor. Entre as novidades, como avanzamos, están unha maior seguridade e privacidade.

Principais novidades da beta de Android 15

Android 15 promete melloras para salvagardar a información persoal, cun maior control do dispositivo. Para iso introduce un novo sandbox SDK que permite que servizos como a publicidade se executen nun sandbox, evitando que as aplicacións de terceiros recopilen datos privados das usuarias. Así mesmo, tamén introduce un novo portal de xestión de permisos, que permite ás usuarias ser máis conscientes o estado de protección da súa privacidade.

Como toda gran actualización, Android 15 tamén traerá melloras no rendemento. Perfecciónase o marco de Rendemento Dinámico de Android (ADPF), que axuda a xestionar o modo no que as aplicacións que consumen moita enerxía -como as de xogos- interactúan co sistema de alimentación do dispositivo, axudando a que este responda mellor ás demandas da súa GPU; CPU e sistema de refrixeración.

Os dispositivos Honor na beta de Android 15

Esta primeira Beta de Android 15 chega aos Honor Magic6 Pro e Honor Magic V2. O primeiro destaca pola súa cámara Falcon, MagicLM no dispositivo e o uso da experiencia da IA baseada na intención. Por outro lado, o Honor Magic V2 pon o foco no deseño, cun dispositivo encartábel que se sitúa por baixo dos 100 mm de grosor.

Ambos os dous teñen o compromiso de recibir 4 actualizacións principais de MagicOS, baseado en Android, e 5 anos de actualizacións de seguridade. Tamén está previsto que as desenvolvedoras poidan acceder á actualización da Beta de Android 15 prevista para finais do verán.

Sobre o autor

Reply