No 2014 OPPO converteuse nun dos primeros fabricantes en apostar polos sistemas de carga rápida para smartphones. Daquela anunciou VOOC, a primeira versión do actual sistema SUPERVOOC, que estableceu novos estándares na industria dos dispositivos móbiles.
Non en van, a demanda de carga rápida foi cobrando importancia para as usuarias. Fronte autonomías que non medran -ou que o fan de maneira sutil- a carga rápida convértese na mellor aliada para ter o noso dispositivo operativo no mínimo tempo.
No 2022, OPPO presentou a carga rápida de 240 W, que permite cargar o 100% da batería nuns 9 minutos. O sistema conta cun chip de control intelixente de voltaxe, corrente e temperatura, integrando 13 sensores, para controlar o sobrequecemento e garantir a seguridade.
De forma paralela, OPPO lanzou o sistema SUPERVOOC de 150 W, co que se pode cargar o 50% da batería en 5 minutos, e o 100% en 15 minutos. Un sistema que incorpora a maiores a tecnoloxía Battery Health Engine (BHE), que aumenta a durabilidade da batería até acadar un ciclo de carga o dobre do habitual.
Na actualidade OPPO dispón de cargadores e smartphones compatíbeis con diferentes tipos de carga (33 W, 67 W, 80 W). Por poñer un exemplo, o OPPO Reno11 F 5G, un dos últimos lanzamentos da compañía no noso país, vén con carga de 67 W. Grazas a isto acada o 30% da carga en 10 minutos, o 53% en 20 minutos e o 100% en 48 minutos.