Logo de terse finalizada a compra de Vodafone por parte de Zegona, a compañía comeza un novo tempo de cambios. Uns cambios que xa se percibiron na segunda marca da operadora, Lowi, que hai apenas unha semana anunciou a súa Fibra Fit con prezos rompedores.
O novo dono de Vodafone xa iniciou unha reestruturación da cúpula directiva, a comezar polo seu CEO, que será substiutído a partir do 1 de xuño. Quen o reemprazará será José Miguel García, un home que nos últimos anos protagonizou importantes movementos no sector telco español.
García foi CEO de Jazztel desde 2006 até 2015, conseguindo unha importante posición no mercado desta marca, e capitaneando o proceso de venda da compañía a Orange. Desde 2016 estivo ao fronte de Euskaltel (xa convertida nun Grupo do que formaban parte R e Telecable), e foi o responsábel de lanzar a compañía a nivel estatal con Virgin Telco, aínda que se ben é certo que esta empresa nunca chegou a ser de todo competitiva, e desde hai anos pasa sen pena nin gloria. No 2021 liderou a venda de Euskaltel ao Grupo MasMóvil por 2.500 millóns de euros, nunha das operacións máis significativas do sector.
A outra fichaxe de Zegona é Ángel Álvarez, que desde o 2019 viña sendo o responsable comercial de Digi, a operadora que nos últimos dous anos está a experimentar un crecemento expoñencial. Álvarez será oe encargado de cubrir o posto de director da Unidade de Consumo.
Con estas dúas persoas Zegona deberá afrontar o futuro de Vodafone, e todo apunta a que a estratexia da compañía vai pasar polo baixo custe. Lowi aspira a gañar máis protagonismo, en boa medida tamén pola necesidade de ir pensando no reemprazo da marca. É que a compra de Vodafone leva a fin da marca, que deberá ser substituída nos próximos anos.