A comezos de mes Movistar realizou pequenos -pero significativos- cambios nas súas tarifas, ampliando a franquía de datos nos seus plans máis económicos, que tiñan quedado obsoletos. Agora instaura novos cambios, tanto na nomenclatura das tarifas como axustando prezos. De feito, o plan ilimitado en chamadas e datos 5G baixa significativamente o seu prezo, e chega coa opción de contratarse dualmente.
A nova tarifa “Ilimitada Plus” (36,95 €/mes) ofrece chamadas, SMS, datos ilimitados 5G e 50 GB de datos na UE. Este cambio supón un aforro de 7 €/mes fronte a tarifa anterior ilimitada. Ademais, este plan pode contratarse para dúas liñas idénticas, na modalidade “Ilimitada Plus x2″, que ofrece dúas liñas coa mesma tarifa ilimitada por 49,95 €/mes. De precisar máis, cada liña adicional custará 20,90 €/mes.
Movistar Base
Por outra banda, Movistar vén de oficializar a súa tarifa Movistar Base, que se ben xa existía, non aparecía entre as opcións a contratar. Este plan ofrece fibra de 600 Mbps con teléfono fixo e unha liña móbil con chamadas ilimitadas e 30 GB de datos a velocidade 5G, ademais da televisión base por 52,90 €/mes.