OPPO vén de anunciar a chegada ao noso país do OPPO A60, un dispositivo de gama entrada que destaca pola súa pantalla con brillo de 950 nits e un sistema de altofalantes estéreo que promete unha experiencia multimedia mellorada.
O novo dispositivo de OPPO aposta por un deseño ultrafino, con 7.58 mm, e un peso de 186 gramos. Vén cunha pantalla de 6,67 polgadas, con taxa de refresco de 90 Hz e 950 nits de brillo. Isto supón un incremento do brillo dun 39% respecto á xeración anterior, o que se traduce nunha mellor experiencia cando se emprega en exteriores.
Pensando nas persoas que empregan os seus dispositivos para desfrutar de contidos multimedia, o OPPO A60 incorpora altofalantes estéreo duais, que en contornos ruidosos pode aumentar o volume do teléfono até un 300%.
No seu interior leva un procesador Snapdragon 680, fabricado en 6 nm, xunto con 8 GB de RAM e 256 GB de memoria interna. A RAM pode ampliarse en 8 GB adicionais mediante virtualización, a costa de empregar parte da memoria interna non utilizada.
En canto á fotografía, dispón dunha cámara principal de 50 MP, acompañada dun segundo sensor de 2 MP para efecto retrato. Complétase o sistema fotográfico cunha cámara para selfies de 8 MP.
Por último, súa batería é de 5.000 mAh de capacidade, con carga rápida SUPERVOOC de 45W que permite cargar o 50% da batería en 30 minutos. Tamén conta con clasificación IP54, que garante a súa protección contra salpicaduras e pó, e MIL-STD 810H, que o fai contra certos golpes.
Dispoñibilidade e prezo do OPPO A60
O novo OPPO A60 porase á venda o próximo sábado, 1 de xuño, por 199 €. Comercialízase nunha única configuración de 8 + 256 GB, estando dispoñíbel en Ripple Blue (cunha texura que lembra ás ondas do mar) e Midnight Purple (un ton púrpur escuro que cambia co movemento).