Xiaomi anuncia os novos POCO F6 e POCO F6 Pro

Xiaomi vén de anunciar dous novos dispositivos da serie POCO que xa se poden mercar no noso país. Son o POCO F6 e o POCO F6 Pro. Ambos os dous modelos -como vén sendo habitual na marca- destacan por contar cunha folla de características moi interesante, á par dun prezo de partida bastante contido.

POCO F6 vs POCO F6 Pro

O modelo base, o POCO F6, vén cunha pantalla de 6,67 polgadas, con resolución 1,5K e taxa de refresco de 120 Hz. No seu interior temos un procesador Qualcomm Snapdragon 8s Gen 3, con 8 ou 12 GB de RAM, e 256 ou 512 GB de almacenaxe interna.

No apartado fotográfico, Xiaomi apostou por unha combinación de cámara dobre, sendo a principal de 50 MP (con estabilización óptica OIS). Compleméntase cun segundo sensor gran angular de 8 MP. Na parte frontal leva unha cámara para selfies de 20 MP.

A súa autonomía vén dada por unha batería de 5.000 mAh de capacidade, con carga rápida de 90 W, incluíndo ademais o cargador na propia caixa.

O POCO F6 Pro é practicamente idéntico, aínda que mellora a resolución da pantalla, que pasa a ser de 3.200 x 1.440 píxeles (WQHD+), e o brillo, que chega aos 4.000 nits. Tamén modifica a combinación de cámaras, incluíndo un terceiro sensor macro de 2 MP, e as opcións de memoria, chegando a 1 TB de capacidade.

Dispoñibilidade e prezo

O novo POCO F6 pódesse mercar na combinación de 8 + 256 GB por 449,99 €, mentres que a de 12 + 512 GB custa 499,99 €. Como promoción de benvida, até o próximo 30 de maio pódense adquirir por 389,99 € e 419,99 €, respectivamente.

Pola súa banda, o POCO F6 Pro parte de 579,99 € na versión 12 + 256 GB. O modelo con 12 + 256 GB custa 629,99 €, e o de 16 GB + 1 TB está dispoñíbel por 699,99 €. Igualmente, benefícianse da promoción de benvida, quedando en 499,99 €, 549,99 € e 599,99 €, respectivamente.

Sobre o autor

Reply