Hai acordo entre Vodafone e Finetwork. Ambas compañías veñen de asinar un novo acordo de acceso maiorista, que permitirá a Finetwork acceder á rede de Vodafone até o 2028, a cambio dun aluguer que se estima nuns 700 millóns de euros.
Remata así unha negociación na que Finetwork chegou a plantexarse o cambio de subministrador de rede, polas reticencias de Vodafone de fornecer acceso ao seu 5G. De feito, Finetwork é das poucas operadoras que a día de hoxe continúan sen ofrecer esa tecnoloxía de rede.
O novo acordo asinado entre ambas operadoras contempla que as usuarias de Finetwork poidan ter acceso ao 5G, beneficiándose da cobertura de Vodafone. Está previsto que esta cobertura chegue antes de final de ano a 2.700 concellos, acadando o 82% da poboación.
Así mesmo, o convenio entre ambas compañías tamén inclúe a rede fixa de Vodafone, o que supón proporcionar acceso a preto de 30 millóns de unidades inmobiliarias, das cales 10,6 millóns están en rede propia.