Hai uns días coñecemos o acordo subscrito por Vodafone, Telefónica e MASORANGE para compartir espectro e mellorar a cobertura 5G no rural na banda de 700 MHz. A este respecto, a Asociación Nacional de Operadores Locais (AOTEC) vén de sinalar que este acordo de mutualizar as frecuencias de 700 MHz fará que as bandas medias e altas queden baleiras e sen uso, polo que reclama que poidan ser accesíbeis para os operadores alternativos nestes territorios, xa que son as bandas capaces de sacar todo o potencial ao 5G.
A AOTEC vén reclamando desde hai anos ter acceso ás bandas medias e altas (1800, 2100, 2600 e 4600 MHz), que son as que se poden delimitar máis facilmente de forma local, naqueles lugares nos que as operadoras adxudicatarias destas frecuencias teñen decidido non facer uso das mesmas.
Se ben a banda de 700 MHz permite cubrir zonas máis amplas -e de aí o acordo ao que chegaron os tres operadores con rede propia- faino a velocidades inferiores e con maior latencia, polo que as usuarias na práctica poderán acadar velocidades duns 100 Mbps.
A Asociación de Operadores Locais apunta tamén que “a sede de conectividade das zonas rurais polo 5G non se apagará coa banda de 700 MHz”, e lembra que nos últimos 25 anos non se fixo un uso efectivo e eficiente do espectro en entornos rurais. Como mostra, sinala que aínda hai moitos territorios que non dispoñen de cobertura móbil.
Fronte iso, reivindica o papel dos operadores locais, que veñen demostrando “capacidade para levar a conectividade sen fíos e a fibra a comunidades rurais”, e defende que se lles permita investir para crear infraestrutura 5G empregando as bandas non usadas, o que posibilitaría facilitar servizos de valor tanto á poboación como ás empresas e administracións.