Samsung vén de lanzar o Galaxy M35 5G, un dispositivo de gama media inspirado no Galaxy A35, anunciado hai uns meses, aínda que cunha batería superior.
O novo smartphone de Samsung incorpora unha pantalla AMOLED de 6,6 polgadas, con resolución Full HD+ e taxa de refresco de 120 Hz. No seu interior alberga un procesador de fabricación propia, o Exynos 1380, xunto con 8 GB de memoria RAM e 256 GB de memoria interna (ampliábeis mediante microSD de até 1 TB).
No apartado fotográfico, tal e como pode verse na anterior imaxe, temos unha cámara principal de 50 MP con estabilización óptica OIS, xunto cunha cámara de 2 MP para fotos macro e unha de 8 MP gran angular. Para a parte dianteira Samsung apostou por unha cámara de 13 MP.
A súa batería é de 6.000 mAh, con carg ade 25W, e entre as opcións de conectividade destaca o 5G, ademais de WiFi 6 e Bluetooth 5.3. Tamén dispón de NFC para pagos móbiles e como sistema operativo Android 14, con One UI 6.1.
Dispoñibilidade e prezo
Polo de agora o Samsung Galaxy M35 5G véndese en Brasil, e a compañía aínda non confirmou a súa presenza noutros mercados.
Nese país pódese mercar en tres cores (azul claro, azul escuro e gris) por un prezo duns 480 euro ao cambio.