MediaTek vén de anunciar dous novos procesadores, o Dimensity 7300 e Dimensity 7300X. Ambos modelos, fabricados en 4 nm, destacan por proporcionar unha mellor eficiencia enerxética e alto rendemento, para dar resposta á realización de múltiples tarefas sen esforzo, así como ás demandas da Intelixencia Artificial (IA) e os xogos móbiles. O Dimensity 7300X está especialmente deseñado para os dispostivos encartábeis, orfrecendo soporte para pantallas duais.
Ambos procesadores teñen unha CPU octa-core, con catro núcleos Arm Cortex-A78 que funcionan a unha velocidade de até 2.5 GHz emparellados con catro núcleos Arm Cortex-A55. O proceso de 4 nm proporciona até un 25% menos de consumo de enerxía nos núcleos A78 (en comparación co Dimensity 7050).
A CPU funciona xunto coa última GPU Arm Mali-G615 e a suite de optimizacións MediaTek HyperEngine, para acelerar as experiencias de xogo, en concreto ofrecendo un 20% máis de cadros por segundo, e un 20% máis de eficiencia enerxética. Os novos chips empregan ademais a optimización intelixente de recursos, mellorando o funcionamento do 5G e WiFi. Tamén son compatíbeis coa tecnoloxía Bluetooth LE Audio e con Dual-Link True Wireless Stereo Audio.
Co MediaTek Imagiq 950, que conta cun ISP HDR de 12 bits con soporte para unha cámara principal de 200MP, os novos Dimensity 7300 contribúen a mellorar a experiencia fotográfica, proporcionando unha redución precisa de ruído (MCNR), detección de rostros (HWFD) e vídeo HDR. O enfoque en vivo é agora até 1,3 veces máis rápido, e a remasterización de fotos até 1,5 veces máis rápida, en comparación co anterior Dimensity 7050.
En canto á Intelixencia Artificial, a APU 655 ofrece nestes últimos chips o dobre de rendemento ca no modelo anterior, e se adaptan a novos tipos de datos de precisión mixta para empregar de maneira máis eficiente o ancho de banda da memoria, reducindo os requirimentos de memoria para os modelos de IA máis grande.
Por último, con MiraVision 955 incorporado, os SoC Dimensity 7300 admiten pantallas WFHD+, con cor verdadeiro de 10 bits, xunto con soporte para estándares HDR globais. Ademais, o soporte adicado para teléfonos encartábeis de dobre pantalla do Dimensity 7300X fai que sexa máis doado para os fabricantes de dispositivos satisfacer a crecente demanda deste tipo de modelos.