Honor estrea novo smartphone. O Honor 200 Lite chega ao noso país para competir no goloso mercado da gama media. Un dispositivo no que o fabricante aposta pola fotografía e, por suposto, por funcións ligadas á intelixencia artificial (IA).
Incorpora un panel AMOLED de 6,7 polgadas, con taxa de refresco de 90 Hz. A súa resolución é de 2412 x 1080 píxeles, e ten un brillo máximo de 2000 nits. Destaca ademais por incluír a TÜV Rheinland Low Blue Light.
No interior do Honor 200 Lite atopámonos cun procesador firmado por MediaTek, o Dimensity 6080. Xunto a el, 8 GB de memoria RAM e 256 GB de almacenaxe interna, como única versión, aínda que a RAM pódese virtualizar sumando outros 8 GB adicionais. A batería sitúase nos 3.500 mAh de capacidade, con carga de 35W.
Como avanzamos ao comezo, un dos puntos fortes deste novo modelo é a fotografía. Conta con tres cámaras traseiras, a principal de 108 MP. Acompañándoa temos unha cámara gran angular de 5 MP e unha cámara macro de 2 MP. Para a parte frontal, o fabricante apostou por un sensor de 50 MP.
O sistema operativo é MagicOS 8.0, baseado en Android 14. Esta versión introduce funcionalidades das que xa temos falado, como Magic Capsule, Magic Portal, Shortcut e Parallel Space, que ofrecen funcións extra ás usuarias co IA como base.
Dispoñibilidade e prezo
O novo Honor 200 Lite xa se pode mercar no noso país por 329 €. Até o 30 de xuño inclúe nese prezo un código desconto de 30 €, a pulseira de actividade Honor Band 7 e o cargador rápido Honor SuperCharge.
Pódese mercar en azul cian (Cyan Lake), azul (Starri Blue, só dispoñíbel en HONOR) e negro (Midnight Black).