Xiaomi vén de ampliar o seu catálogo de smartphones co lanzamento dun novo dispositivo, o Redmi 13. Un modelo de entrada que, na liña dos seus predecesores, conta cunha folla de especificacións bastante interesante. Neste caso, o foco está na cámara, onde o fabricante apostou por incluír un modelo de 108 MP.
A súa pantalla é un panel LCD de 6,79 polgadas, con resolución FullHD+ (2460 x 1080 píxeles), unha frecuencia de actualización de até 90 Hz, e un brillo máximo de 550 nits. No seu interior temos un procesador MediaTek Helio G91-Ultra e dúas configuracións de memoria: 6 GB de RAM con 128 GB de almacenaxe interna ou 8 GB de RAM con 256 GB de memoria. En ambos casos pódese expandir a capacidade da memoria con tarxetas microSD de até 1 TB, e a RAM duplicarse mediante virtualización.
O aspecto máis interesante atopámolo na cámara, onde como xa avanzamos Xiaomi decidiu instalar un sensor principal de 108 MP e f/1.75 (Samsung ISOCELL HM6 1/1.67), que promete unha calidade satisfactoria para un dispositivo desta categoría. Compleméntase cun segundo sensor traseiro macro de 2 MP e unha cámara frontal de 13 MP.
A súa batería é de 5040 mAh con carga de 33W que permite ter o dispositivo cargado nunha hora, e entre as opcións de conectividade destaca o Bluetooth 5.2 ou a presenza do jack de audio 3.5 mm. Dispón de lector de pegadas dixitais no lateral un Xiaomi HyperOS como sistema operativo.
Dispoñibilidade e prezo
O novo Xiaomi Redmi 13 xa está dispoñíbel para mercar, cun acabado traseiro en cristal que imita as ondas do mar. Chega en catro cores (negro, dourado, rosa e azul), e as dúas configuracións de memoria xa mencionadas.
O modelo de 6 + 128 GB custa 179,99 €, e o de 8 + 256 GB sube até os 199,99 €.