Vodafone quere rematar cos amagos e fai indefinidos os descontos da súa clientela

Moitas usuarias aproveitan o momento no que rematan as promocións para tratar de conseguir unha nova oferta coa súa compañía. Para iso recurren aos chamados “amagos de portabilidade“. Isto consiste en iniciar unha portabilidade a outra compañía non por querer cambiar, senón para conseguir que a operadora actual propoña un novo plan con desconto.

Vodafone é das operadoras que máis apostaba por estas tarifas ocultas, ofrecendo ás usuarias que amagaban con cambiar a outra compañía unha contraoferta que -en moitos dos casos- resultaba tremendamente atractiva.

Completada a compra por parte de Zegona, Vodafone vén de iniciar unha nova etapa cun novo equipo directivo, que vén de tomar como primeira medida a eliminación da limitación temporal dos descontos nos plans de prezos de toda a súa clientela particular e autónomos. Con esta iniciativa, as usuarias que estean a desfrutar agora dun desconto manteralo de maneira indefinida.

Esta iniciativa é automática, e as usuarias non terán que chamar para renovalos. Deste modo, ademais de manter dos mesmos beneficios e servizos que viñan desfrutando, a clientela da compañía poderá acceder a outros como a financiación do pago dos terminais sen intereses, Secure Net, o Plan Amiga ou o programa Re-estrea, entre outras.

Vodafone asegura que as usuarias disfrutarán tamén dun servizo de atención ao cliente renovado, que será máis accesíbel, rápido e personalizado, tanto no teléfono 22123 como no chat online da App Mi Vodafone ou no WhatsApp.

Sobre o autor

No Responses

Reply