R asegura que cubrirá todos os fogares de Galiza con 5G nos próximos dous anos

O conselleiro delegado de MASORANGE, Meinrad Spenger, visitou Galiza esta semana, onde mantivo un encontro institucional con representantes da Xunta, acompañado do director de R, Alfredo Ramos. Un encontro no que a compañía fixo varios anuncios, entre o que destaca o compromiso de chegar con conectividade 5G ao 100% dos fogares do noso país nos próximos dous anos.

Ao longo da súa historia, R, Orange e Masmóvil (hoxe aflutinadas en MASORANGE) teñen acumulados máis de 2.300 millóns de euros en investimento no noso país, aos que se sumarán 200 millóns de euros adicionais nos próximos tres anos para seguir a impulsar o desenvolvemento tecnolóxico.

Boa parte deste investimento irá destinado ao despregamento da rede móbil 5G. Na actualidade, a compañía ofrece este tipo de cobertura ao 90% da poboación, e vén de adxudicarse máis de 52 M€ do Plan Único 5G Rural, destinado a dotar de 5G a contorna rural de Galiza para reducir a fenda dixital. Isto supón o 98% do plan para o noso país, o que lle vai permitir liderar o 5G nestas zonas, se ben as empresas de telecomunicacións anunciaron recentemente un acordo para compartilo.

Isto permitirá á compañía estender a súa solución de conectividade fixa baseada en 5G, o Mambo Axiña, a máis concellos dos 224 nos que se pode empregar na actualidade.

Conectividade fixa

R apuntou que a día de hoxe ofrece cobertura de fibra óptica FTTH a máis de 1,6 millóns de fogares e negocios en todos os concellos galegos. A eles súmanse os 70.000 novos inmobles aos que R accede de forma indirecta a través da rede de fibra da operadora neutra Rede Aberta, coa que a R ten un acordo de uso da infraestrutura.

Sobre o autor

Reply