Analizamos o Google Pixel 8a

Nos últimos días estivemos a probar o Google Pixel 8a, o último smartphone de Google. Anunciado apenas unha semana do I/O 2024, o trebello chegou ao mercado español competindo na golosa gama media. Unha proposta moi interesante, con procesador Google Tensor G3 e todo o potencial da Intelixencia Artificial (IA)

Deseño e acabados

O deseño do Pixel 8a é fiel ao estilo que Google vén cultivando nos últimos anos. Un estilo que fai a todos os teléfonos Pixel facilmente recoñecíbeis, especialmente por esa xa icónica peza metálica que sobresase na parte traseira albergando as cámaras. Neste Pixel 8a atopamos elementos que nos lembran aos outros modelos da serie 8, como o tamaño semellante (Pixel 8) ou o remate traseiro (Pixel 8 Pro).

Da súa parte frontal, pouco que dicir: está dominada pola súa pantalla de 6,1 polgadas, da que logo falaremos. Ten os bordes redondeados e só se ve interrompida polo perforado central, no que alberga a cámara para os autorretratos.

Na traseira destaca, como xa avanzamos, o módulo das cámaras, e a presenza do “G” de Google marcado nunha posición central da tapa traseira. Está fabricada nun plástico cun pulido que lle dá un toque e un brillo premium, e que nos resultou moi agradábel ao tacto. Contribúen tamén a esa sensación positiva de agarre das súas esquinas redondeadas.

Ten un peso de 188 gramos, e un grosor de 8,9 mm. No seu lateral dereito atopamos os controis de volume, nunha posición inferior, e sobre eles o botón de acendido. No esquerdo temos a bandexa extraíbel para a tarxeta nanoSIM, e na inferior o conector USB-C, xunto co sistema de altofalantes.

Resumindo, podemos destacar que é un dispositivo que ofrece un deseño coidado, e que resulta cómodo de empregar. Conta cunhas dimensións contidas que fan que sexa un dispositivo cómodo de manexar cunha soa man.

Hardware e rendemento

O Pixel 8a comparte cos modelos superiores da serie o procesador, o Google Tensor G3. Un chip deseñado por Google a medida e fabricado nas instalación de Samsung. Destaca por ter a capacidade para traballar coas demandas da Intelixencia Artificial (IA) que Google vén poñendo en marcha. Está fabricado co proceso de 4 nm, e a súa CPU compóñena nove núcleos: catro Cortex-A510 a 2,15 GHz, catro Cortex A-715 a 2,45 GHz e un Cortex-X3, a 3 GHz.

Xunto a este procesador temos 8 GB de memoria RAM e opcións de 128 ou 256 GB de memoria interna (UF 3.1), que non se poden ampliar mediante tarxetas microSD.

O rendemento que ofrece o Google Pixel 8a é realmente bon, e na experiencia diaria durante as dúas semanas que tivemos este teléfono en probas non acusou lag nin ralentizacións: ao contrario, o teléfono foi quen de mover sen esforzo todas as aplicacións do día a día, e mesmo algunhas que requiren unha dose extra de potencia. Evidentemente, hai dispositivos con mellor rendemento na gama máis premium de Android, pero que tamén xogan a outro nivel de prezo.

No apartado da conectividade destaca o 5G, sendo compatíbel coa SIM virtual (eSIM). Polo demais, temos WiFi 6/6E, Bluetooth 5.3, diversos sistemas de posicionamento (GPS, Galileo, Glonass, QZSS e BeiDou), NFC para pagos co móbil. Inclúe tamén o sensor de pegadas dixitais, integrado na pantalla, e que funciona de maneira precisa.

Pantalla

Google apostou de novo por un panel OLED. Ten un tamaño de 6,1 polgadas, e unha resolución de 1800 x 2400 píxeles (430 ppp), que ofrecen un bo nivel de nitidez. Seguindo a tendencia actual, ofrece unha taxa de refresco variábel que chega aos 120 Hz, aínda que de maneira predefinida está nos 60 Hz, para aforrar batería.

O teléfono ofrece unha moi boa visualización en todo tipo de entornos, incluíndo exteriores con luz directa, onde fai gala dun brillo de 1.400 nits (pode chegar a 2.000 nits no 5% da pantalla) que permiten unha visualización en exteriores magnífica. En canto ás cores, atopamos unha representación realista, que fai que a pantalla se vexa realmente ben, cun amplo abano cromático e cores definidas.

Destacan tamén os amplos ángulos de visión, que permiten desfrutar do contido desde difererentes enfoques. E en canto ás opcións de personalización, podemos elixir entre dous tipos de cor, un natural e outro adaptativo, que vai midando e adaptándose ao contido que está a reproducir para facer diferentes axustes.

Cámara

No apartado fotográfico Google apostou por Sony. Na parte dianteira temos un sensor de 13 MP, con apertura f/2.2, enfoque fixo e campo de visión de 96,5º. A cámara principal (traeira) está formada por un sensor principal Quad PD de 64 MP, con f/1,89 e campo de visión de 80º. O secundario é un sensor gran angular de 13 MP, cun campo de visión que acada os 120º.

Como vén sendo habitual, este é un punto de referencia dos modelos Pixel. Conta coa mesma aplicación de cámara, que nos permite diferentes modos predefinidos (incluído un para tomar imaxes en longa exposición) ou visualizar o efecto HDR na vista previa da aplicación de cámara.

Novamente Google conseguiu ese equilibrio hardware – software que permite que sexa un dispositivo que consegue uns resultados de excelente calidade, tanto pola gama cromática como pola súa precisión e nivel de detalle.

Software

Un dos apectos máis relevantes dos dispositivos Pixel témolo no seu software. Son os dispositivos nos que Google dá a coñecer toda as novidades neste apartado, e os primeiros en recibilas. O Pixel 8a no ía ser menos.

O trebello vén de fábrica con Android 14, e integra as novidades que Google anunciou nos últimos tempos ligados á nova aposta pola intelixencia artificial (IA) xerativa. Entre estas destacan funcións como a escritura por voz potenciada polo Asistente de Google ou o creador de fondos de pantalla guiado.

Tamén “Circle to search“, que nos permite facer unha busca xestual do que temo en pantalla, e que resulta de gran utilidade para obter respostas de maneira gráfica e cómoda.

Como aconteceu cos Pixel 8 e Pixel 8 Pro, o novo Pixel 8a chega con 7 anos de soporte de software, o que implica que seguirá recibindo os parches mensuais de seguridade até o 2031.

Batería

A batería é de 4.492 mAh, medrando lixeiramente desde a do seu procesador. É compatíbel coa carga de 18W, e tamén admite carga sen fíos, o cal é unha funcionalidade que non sempre está presente nos trebellos desta gama. A nós parécenos un acerto incluílo.

A autonomía media que conseguimos foi de día e medio, o cal nos pareceu bastante correcto para un trebello deste tamaño. En repouso o consumo é mínimo, o que contribúe sen dúbida á extensión desta autonomía.

Podería mellorarse -moito- a velocidade de carga, xa que eses 18W fican lonxe das velocidades que ofrecen outros modelos da competencia. Mais, en calquera caso, somos quen de ter o teléfono cargado por completo nunha hora e media, aproximadamente.

Conclusións

Tras ter probado o Pixel 8a a fondo, podemos concluír que estamos ante un dos mellores móbiles de gama media que podemos atopar no mercado. O seu tamaño compacto namora, e resulta moi cómodo na man. E a pantalla, rendemento, cámara e software son catro pluses que pesan moito á hora de poder recomendalo cos ollo pechados.

Podería mellorar aspectos como a carga para facela máis rápida e non quedarse neses 18W que semellan “anticuados”, pero tampouco é algo que vaia a contrarrestar o efecto positivo dos seus puntos fortes.

Pódese adquirir en branco, negro, azul ou verde por 549 €, na versión de 128 GB, ou por 609 € na alternativa con 256 GB.

Sobre o autor

No Responses

Reply