Xa hai data para o Samsung Unpacked e o evento de Google Pixel

Xa é oficial. Samsung e Google veñen de anunciar os seus eventos de verán. Falamos do próximo Samsung Unpacked e dun novo evento Pixel, nos que coñeceremos os novos dispositivos de ambos fabricantes.

Galaxy Unpacked

Como xa se viñera adiantando de maneira extraoficial, o próximo Samsung Unpacked terá lugar en París o 10 de xullo.

Tal e como deixa ver a animación do primeiro teaser, será un evento centrado nos dispositivos encartábeis. Nel darase a coñecer a nova versión das series Flip e Fold, é dicir, o Galaxy Z Flip6 e Galaxy Z Fold6. De ambos modelos fomos coñecendo a súa folla de especificacións, a través de diferentes filtracións. A última, tal e como xa comentamos, deixou ver practicamente todas as súas características.

Porén todas as miradas están no Galaxy Ring. O novo wearable no que traballa Samsung, e que puidemos ver nunha vitrina no pasado Mobile World Congress, podería debutar no evento de París.

E, por suposto, haberá que falar de intelixencia artificial. O convite xa deixa claro que os novos dispositivos contarán con Galaxy AI, o paquete de ferramentas que inclúe interpretación de idioma, resumos e melloras para a fotografía. Haberá que ver se temos novas funcionalidades específicas para os modelos encartábeis.

Pixel Event

Logo de Samsung, Google tamén anunciou que programa o seu evento para o 13 de agosto ás 19h en California. Será un evento Pixel, no que dará a coñecer a nova familia de dispositivos Pixel 9 e Pixel 9 Pro. O convite, unha animación, deixa ver a silueta dun destes dos modelos.

Dos Google Pixel tamén hai poucos segredos, xa que a información foise filtrando ao longo das últimas semanas. Recentemente mesmo apareceron imaxes, comparando os Pixel 9 e Pixel 9 Pro (esquerda) co Pixel 7 e Pixel 7 Pro (dereita).

O evento tamén servirá como plataforma de lanzamento de Android 15, a próxima versión de Android.

Quen dixo que o verán era só para estar na praia?

Sobre o autor

No Responses

Reply