Hijos de Rivera, coñecida por ser a casa de Estrella Galicia, está a desenvolver un ambicioso proxecto de investigación no que se está a empregar por vez primeira a computación cuántica e a Intelixencia Artificial (IA) para realizar unha simulación da percepción do sabor.
Esta iniciativa, realizada en colaboración co Fujitsu International Quantum Center, o Centro de Supercomputación de Galiza (CESGA) e a UCAM, ten como obxectivo explorar as posibilidades que ofrece a tecnoloxía cuántica para avaliar as asociacións máis relevantes entre moléculas, coñecido no ámbito científico como “docking molecular“.
O equipo de I+D+i de Hijos de Rivera, tras tres anos de traballo con estas tecnoloxías, vén de conseguir os primeiros resultados da súa investigación, simulando o comportamento dos receptores de frescor presentes nas papilas gustativas, comportamento ao que non se puidera dar explicación mediante o sistemas clásicos de análise.
Trátase dun avance que permitirá, no futuro, non só representar o sabor de determinados ingredientes, senón tamén avaliar o potencial emprego de biomoléculas co fin de acadar novos desenvolvementos na composición de alimentos e bebidas.
Este proxecto enmárcase dentro da aposta pola innovación da corporación, e contou cun equipo multidisciplinar dirixido por José Vilariño, da área de I+D+i en Hijos de Rivera, e constituído por María Paredes, técnica de I+D da corporación e doutora en química computacional; Mariamo Mussa, doutora en física e investigadora en computación cuántica; Andrés Gómez, doutor en Física e coordinador do departamento de aplicacións e proxectos do CESGA; Alejandro Borrallo e Antón Rodríguez, físico teórico e físico cuántico do International Quantum Center Fujitsu; e Jochem Nelen, bioquímico do grupo de investigación de bioinformática de altas prestación das UCAM.