Vodafone vén de reforzar a súa rede 5G en 30 concellos e parroquias significativas de Galiza, para ofrecer unha mellor capacidade de conexión. Trátase dunha medida destinada a paliar o incremento da poboación, especialmente en zonas costeiras e de praia, evitando a conxestión da rede.
Para 17 destes emprazamentos supón, ao tempo, a actualización á rede 5G da compañía. Nos outros 13, reforzouse a conexión aumentando a cobertura 5G da que xa dispuñan.
Por provincias, A Coruña resulta a máis beneficiada en número de concellos e parroquias, seguida de Pontevedra e finalmente por Lugo. Os emprazamentos afectados son os seguintes:
- Provincia da Coruña: A Coruña, Arteixo (novo), Boiro, Buño (novo), Castiñeiras (novo), Cee (novo), Corcubión (novo), Ferrol, Fisterra (novo), Noia, Perbes (novo), Perillo, Porto do Son (novo), Ribeira, Sada, Vilar (novo) e Vilasanche (novo).
- Provincia de Lugo: Celeiro (novo), Foz, Ribadeo, O Vicedo (novo) e Viveiro (novo).
- Provincia de Pontevedra: Baiona, Meaño (novo), Nigrán, O Grove, Poio (novo), Redondela (novo), Vigo e Vilagarcía de Arousa (novo).
Esta ampliación da pegada de 5G en concellos costeiros forma parte do plan de despregamento da rede 5G de Vodafone en Galiza, que este ano chegará a 71 novos concellos do país. Súmanse a estes os 139 concellos que desde o ano pasado xa contaban con cobertura 5G, facendo un total de 210, o que supón dar servizo con esta tecnoloxía a 2,5 millóns de galegas.
En canto á cobertura da rede 4G, Vodafone apunta a que acada o 99,62% da poboación galega. Ao mesmo tempo, a operadora continúa a evolucionar tecnoloxías xa integradas na súa rede, como Voz sobre 4G e 5G, que xa está dispoñíbel no 70% da súa rede.