CMF by Nothing quece motores para o lanzamento do seu primeiro smartphone

CMF, a submarca de Nothing para competir en prezo, ten todoo preparado para a presentación do seu novo smartphone, o CMF Phone 1. Será o próximo luns 8 de xullo, ás 11.00h galegas, e para ir quecendo os motores estes días foi adiantando algunhas cousas.

A modo de aperitivo, Nothing relevou a través das súas contas sociais tres accesorios orixinais que poderán adquirirse xunto co dispositivo. Trátase dun cordón para levar o teléfono colgado do pescozo, unha carteira e un soporte que permite poñer o móbil en posición horizontal.

Ademais, o teléfono contará con catro carcasas traseiras intercambiábeis, dispoñíbeis en catro cores diferentes: negro, verde claro, laranxa e azul. As dúas primeiras están rematadas nunha textura suave, mentres que a laranxa e azul están fabricadas en coiro vegano.

En canto ás característas que terá este novo dispositivo, aínda non hai demasiada información. O que si que parece é que levará un sensor principal Sony de 50 MP, e un procesador MediaTek Dimensity 7300 no seu interior, xunto con 8 GB de RAM e cando menos unha opción con 128 GB de capacidade interna. A batería sería duns 5.000 mAh.

Outros dispositivos de CMF

A submarca de Nothing xa comercializa actualmente outros dispositivos no noso país. Por un lado están os CMF Buds e CMF Buds Pro, dous modelos de auriculares. E polo outro, un reloxo intelixente, o CMF Watch Pro. Todos eles poden adquririrse na web do fabricante.

Máis info | CMF by Nothing

Sobre o autor

Reply