Preto de 150 taballadoras veranse afectadas polo ERE de Vodafone en Galiza

O desembarco do fondo britántico Zegona na xestión de Vodafone -o pasado mes- de outubro trouxo consigo importantes beneficios para a clientela, o máis destacado o ter feito indefinidos todos os descontos que están a desfrutar as usuarias actuais. Porén, a parte perxudicada por este novo rumbo son as traballadoras da empresa, coa proposta dun expediente de regulación de emprego (ERE) que os sindicatos cifran en 1.198 traballadoras no conxunto do Estado. Supón o 36,65% da plantilla, integrada por 3.268 persoas contratadas directamente por Vodafone.

En Galiza, o ERE afectaría a un total de 145 traballadoras. Delas, 110 corresponden á sede de Vigo, e outras 35 ás que a compañía ten na cidade da Coruña. Apuntan tamén fontes sindicais que Vodafone tería destruído 76% dos postos de traballo nas últimas dúas décadas, ao tempo que perdeu o 42% dos seus ingresos.

As representantes das traballadoras poñen tamén o foco nos reguladores e no Goberno, en que ven unha “apatía que acaba nunha indigna secuencia de despedimentos masivos que destrúen emprego de calidade, con salarios, dereitos e unha preparación tecnolóxica de primeira categoría”, contravindo ademais as metas dixitais para 2030 da Comisión Europea, que estipulou que a UE necesitaría 20 millóns de especialistas TIC a finais desta década.

Desde os sindicatos piden a Zegona que reconsidere a medida do ERE para adoptar “un enfoque máis humano e responsábel”, lembrando que a plantilla de Vodafone xa foi atacada “por catro EREs previos”. Teñen convocados paros parciais os días 10, 15, 16 e 17 de xullo, así como xornadas de folga e manifestacións fronte aos Ministerios de Transformación Dixital e Traballo, os días 9 e 11 de xullo, respectivamente.

Sobre o autor

Reply