Telefónica continúa a avanzar no despregamento en Galiza do 5G de altas prestacións, acadando os 101 concellos. Trátase do uso da banda de 3.500 MHz, comercializado como 5G+ (5G SA), e que ofrece altas velocidades e moi baixa latencia, o que mellora a experiencia móbil e incrementa a calidade da rede.
Esta tecnoloxía está dispoñíbel para a clientela das dúas marcas que comercializa Telefónica, Movistar e O2, e supón a posibilidade de mellorar a experiencia con descargas instantáneas, streaming extremadamente fluído e un notorio incremento da calidade de rede, mesmo en espazos concurridos, como concertos ou eventos deportivos.
Para as empresas, o uso da banda de 3.500 Mhz ofrece novas funcionalidades, como o network slicing, é dicir, o “troceo” do espectro para dedicar unha parte da rede a unha necesidade especifica e así ofrecer a mellor calidade posíbel.
5G na banda de 700 MHz
Ademais dos despregamentos de 5G na banda de 3.500 MHz, Telefónica tamén continúa a despregar 5G na banda de 700 MHz, que xa está dispoñíbel en 235 concellos galegos (96% da poboación). Esta cobertura apóiase sobre unha rede de fibra con preto de 30 millóns de unidades inmobiliarias.