Digi prepara a chegada da televisión para despois do verán

A operadora Digi, unha das compañías que máis creceu nos últimos anos no conxunto do Estado, prepara a chegada da súa televisión de pago para despois do verán. Con máis de 7 millóns de usuarias, a operadora foi engadindo novos servizos á súa cadea de valor, incluíndo o 5G (dispoñíbel desde febreiro), ou as chamadas VoLTE e VoWiFi, que desde hai uns días xa pode disfrutar todo o mundo.

A chegada da televisión a Digi, que xa fora confirmada polo seu CEO -Marius Varzaru- nunha entrevista de hai uns meses, supón completar o abano de servizos, algo que xa veñen ofrecendo en Rumanía, onde contan con máis de 5,7 millóns de usuarias abonadas a este servizo.

Malia que tecnoloxicamente a empresa xa ten todo disposto, a operadora estaría negociando con diferentes provedores para completar a súa oferta televisiva para o mercado español, entre as que atoparíamos, ademais das canles xeralistas, outras canles detacadas como AXN e AMC, entre outros.

Semella tamén que apostaría por ofrecer un decodificador propio para completar o servizo, aínda que tamén se ofrecería mediante aplicacións en diferentes dispositivos, de forma semellante ao servizo DigiOnline rumano.

Novo acordo con Telefónica

Digi anunciou tamén que vén de asinar un novo acordo con Telefónica, que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2025. Terá unha duración de 16 anos, e supón un avance respecto ao actual contrato de acceso móbil entre as dúas compañías.

Entre as cuestións que se concretan están os servizos de roaming nacional, así como o de RAN sharing. Para Telefónica supón un fluxo de ingresos a longo prazo, mentres que Digi ten asegurado o servizo coa operadora que conta cunha das redes máis avanzadas.

Sobre o autor

Reply