As atletas de París 2024 recibirán unha edición exclusiva do novo Galaxy Z Flip6

Samsung xoga un papel importante nos Xogos Olímpicos de París 2024, como provedor tecnolóxico. Hai uns días falamos de como o fabricante vai empregar modelos Galaxy S24 Ultra na retransmisión da cerimonia inaugural das Olimpiadas e nas competicións de vela, e o lanzamento dos novos modelos no Unpacked celebrado onte en París non podía ficar alleo.

Un dos novos modelos encartábeis, o Galaxy Z Flip6, conta cunha exclusiva Edición Olímpica, que Samsung entregará a preto das 17.000 atletas que competirán en París 2024. Este modelo especial vén equipado cun conxunto de servizos exclusivos e aplicacións útiles do Comité Olímpico Internacional (Athlete 365, Olympic Shop, Paris 2024 e Transport Accred App), e cun acabado en cor amarelo adornado cos aneis olímpicos e paralímpicos. Ademais, inclúe unha funda cunha capa de cores mixturadas inspirada nos aneis olímpicos.

Samsung destaca as funcións de Galaxy AI como ferramentas útiles que as atletas de París 2024 poden aproveitar, como Live Translation (tradución de chamadas en tempo real a 16 idiomas diferentes); Intérprete (tradución simultánea de conversas en directo) ou Redactor (axuda a redactar mensaxes de correo electrónico e publicacións en redes sociais). Tamén Instant Slow-mo e Photo Assist.

En colaboración con Orange, a operadora oficial dos Xogos Olímpicos, cada Edición Olímpica do Galaxy Z Flip6 chegará cunha eSIM de 100 GB de datos 5G para poder empregar polas atletas. E Samsung Wallet contará cun pase precargado para bebidas gratuítas nas máquinas expendedoras situadas na Vila Olímpica e Paralímpica, en colaboración con Cocacola, e unha tarxeta de transporte ilimitado gratuíta para o transporte público.

Ademais, tradicionalmente aos atletas se lles prohibiu levar obxectos persoais á cerimonia do podio, polo que as imaxes adoitan ser as das fotografías e vídeos oficiais. O Galaxy Z Flip6 Edición Olímpica está autorizado para uso no podio, co que as atletas poder´na crear os seus propios recordos.

A través dun modo “selfie da vitoria”, Samsung trazará e clasificará os selfies das atletas por deporte e os subirá a Athlete365 en tempo real, o que permitirá ás deportistas gardar e compartir os seus momentos máis especiais con familiares e fans.

O novo Galaxy Z Flip6 Edición Olímpica exhibirase nos escaparates dos espazos olímpicos de París desde mañá. En colaboración co COI e o Comité Paralímpico Internacional (IPC), as atletas recibirán a súa Edición Olímpica do Galaxy Z Flip6 a partir do 18 de xullo, unha semana antes de que se poña é venda de forma oficial o novo modelo encartábel de Samsung.

Sobre o autor

No Responses

Reply