Samsung anunciou na tarde de onte nun Unpacked celebrado en París o lanzamento dos novos modelos da súa serie de dispositivos encartábeis. Falamos dos Galaxy Z Fold6 e Galaxy Z Flip6, que chegan apostando polo ecosistema de intelixencia artificial, Galaxy AI, adaptada ao deseño encartábel destes dispositivos.
Non hai grandes cambios no deseño de ambos modelos, aínda que si cambios interesantes. Son os Galaxy Z máis delgados e lixeiros de toda a serie, e tamén simétricos e con borde recto. O Galaxy Z Fold6 permite ademais unha mellor visualización, ao dispór dunha nova proporción da pantalla da cuberta. Tamén son os modelos máis duradeiros, cunha nova estrutura de bisagra de dobre carril e un borde reforzado que distribúe mellor o golpe nos impactos extremos. A pantalla está equipada con Corning Gorilla Glass Victus 2.
No seu interior levan o procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 3 for Galaxy, un chip personalizado que combina o mellor rendemento de CPU, GPU e NPU. Está optimizado para o procesamento de intelixencia artificial, e ofrece gráficos mellorados. Tamén conta cun sistema de refrixeración mellorado, que maximiza o rendemento cunha cámara de vapor máis grande no Galaxy Z Fold6 e, por primeira vez, unha cámara de vapor nun dispositivo da serie Z Flip.
Galaxy AI
Os novos trebellos centran na intelixencia artificial (IA) boa parte das súas innovacións. Samsung aproveitou o seu deseño, máis versátil e flexíbel, para ofrecer novas experiencias. Para iso aproveita a gran pantalla do Galaxy Z Fold6 e o “modo flex” do Galaxy Z Flex6.
No Galaxy Z Fold6 destaca Note Assist, que ofrece tradución, resumes e auto formateo para tomar notas de reunións de forma máis sinxela. Ademais inclúe unha nova función de transcrición integrada, que permite transcribir, traducir e resumir gravacións de voz directamente en notas.
Os textos dos arquivos PDF pódense traducir e superpoñer mediante a función de traducción de superposición de PDF en Notas. E o novo Redactor do teclado Samsung suxire texto a partir de palabras clave para apps de correo electrónico e redes sociais compatíbeis, reflexando o ton empregado tras a análise de mensaxes anteriores.
A través do lapis S Pen engádese a función Esbozo de imaxe, que permite crear deseños xerando opcións de imaxe cando simplemente se fai un esbozo ou se debuxa nas fotos da galería ou na pantalla de notas. Tamén integra Google Gemini e as funcións de Google que xa vimos nos Galaxy S24, como Google Circle To Search. Así mesmo, Intérprete, Live Translate e Phtoo Assist adaptan o seu deseño desde a serie S24 para mellorar a experiencia en pantallas máis grandes.
Características principais do Galaxy Z Fold6 e Galaxy Z Flip6
O Galaxy Z Fold6 destaca pola súa pantalla interna Dynamic AMOLED flexíbel de 7,6 polgadas, con resolución QXGA+ (2160 x 1856 píxeles). Dispón de taxa de refresco adaptativa 1 – 120 Hz, e até 2.600 nits de brillo para o seu uso sen problema en entornos con incidencia de luz directa. O panel exterior é de 6,3 polgadas, con resolcuión 2375 x 968 píxeles, mesma taxa de refresco e relación de aspecto 22.1:9.
A pantalla externa do Galaxy Z Flip6 é de 3,4 polgadas (720 x 748 píxeles), e ofrece novas experiencias. Co paso dos anos, a serie foi incluíndo un panel externo máis grande e con novas funcións. Nesta edición destacan as respostas suxeridas, o acceso ás funcións de Samsung Health ou a consulta de varios widgets simultaneamente. Complétase coa pantalla interna flexíbel de 6,7 polgadas, con resolución FHD+ e frecuencia de actualización adaptativa 1-120 Hz.
Ambos os dous modelos veñen con 12 GB de RAM, combinados con diferentes opcións de memoria: 256 GB, 512 GB e, só no caso do Galaxy Z Fold6, unha versión con 1 GB de capacidade.
A conectividade vén dada por 5G, WiFI 6E e Bluetooth 5.3, e as baterías son de 4.000 mAh (Z Flip6) e 4.400 mAh (Z Fold6), con carga rápida de 25W (50% da capacidade nuns 30 minutos). Son ademais compatíbeis con carga sen fíos e carga sen fíos reversíbel.
En canto á fotografía, dispoñen de sensores gran angular de 50 MP e ultra gran angular de 12 MP. O primeiro destaca polo seu zoom óptico 2x para fotos sen ruídos, con zoom AI e Nightography mellorado con HDR de vídeo, para captar vídeos máis brillantes con pouca luz. Complétanse cunha cámara paa selfies principal de 10 MP, incluíndo o Galaxy Z Fold6 unha segunda cámara baixo a pantalla interna, neste caso de 4 MP.
Por último, cómpre destacar a resistencia a auga e pó (por primeira vez isto último) segundo o estándar IP48. Tamén inclúen Samsung Knox para a protección de datos mediante a combinación de hardware – software, facendo que sexan dos trebellos máis seguros.
Dispoñibilidade e prezo
As series Galaxy Z Fold6 e Galaxy Z Flip6 xa están dispoñíbeis par pedidos anticipados, con dispoñibilidade xeral a partir do 24 de xullo.
O Galaxy Fold6 está dispoñíbel en gris, rosa e azul escuro, mentres que o Galaxy Z Flip6 conta con opcións de cor gris, amarelo, azul e verde. A través da tenda de Samsung ofrécense cores exclusivas, como negro e branco, así como unha opción pexego só para o Galaxy Z Flip6.
En canto a prezos, o Galaxy Z Flip6 custa 1209 € (versión de 256 GB) ou 1329 € (512 GB). Pola súa banda, o Galaxy Z Fold6 parte dos 2.009 € (256 GB), pasando polos 2.129 € (512 GB) até os 2.369 € da versión de 1 TB.
Como vén sendo habitual nos últimos lanzamentos, Samsung ofrece a recompra do vello dispositivo, o que permite recuperar parte do custe do móbil (até 1050 € no mellor dos casos), e durante o período de precompra agasalla fundas e descontos en outros trebellos.