Ademais dos novos teléfonos encartábeis, Samsung anunciou onte a renovación da súa gama de wearables. Inclúe novos reloxos, Galaxy Watch 7 e Watch Ultra; auriculares, coa serie Galaxy Buds3; e tamén un dos dispositivos máis agardados, o Galaxy Ring.
Galaxy Ring
O Galaxy Ring é o primeiro anel intelixente de Samsung, do que levamos meses falando e que puidemos ver fisicamente no MWC. Trátase dun dispositivo pensado para simplificar o benestar diario, a través de sensores de Samsung nun trebello máis pequeno e discreto pensado para empregar permanentemente.
Principalmente serve para realizar unha mellor análise do sono, empregando un algoritmo de IA que axuda a comprender os patróns de sono e crear mellores hábitos. Analiza os movementos, a latencia ea frecuencia cardíaca e respiratoria, datos que despois poderemos visualizar a través da aplicación Samsung Health.
Tamén informa da saúde cardíaca (mediante a alerta de frecuencia cardíaca, que alerta de frecuencias inusualmente altas ou baixas en tempo real), realiza o seguemento automático de camiñatas e carreiras e alerta de inactividade.
A batería ofrece até 7 días de autonomía, e se carga nun estoxo de carga rápida, que conta con iluminación LED para indicar o estado. Entre as súas caracteríticas de deseño destaca o seu peso, quevai dos 2,3 a 3 gramos, dependendo do tamaño e acabado. Dispón dunha resistencia á auga de 10 ATM e un acabado de titanio de grao 5.
O Galaxy Ring chega en tres opcións de cor (negro, gris e titáneo), así como un kit de tallaxe que serve para atopar o máis axeitado entre nove opcións de tamaño. Polo de agora non se comercializa no noso país, mais o seu prezo oficial é de 449 €.
Galaxy Watch Ultra e Watch 7
En canto aos reloxos, Samsung presentou a nova serie Watch 7 e o Galaxy Watch Ultra, o modelo máis completo até o de agora.
O Watch Ultra conta coas funcións máis avanzadas de monitorización e unha durabilidade superior, grazas ao uso de titaneo de grao 4 e unha resistencia á auga de 10 ATM. Pode funcionar nun rango máis amplo de altitudes, desde os 500 metros baixo o nivel do mar até os 9000 metros de altura, para o seguemento de experiencias físicas extremas.
As deportistas desfrutarán dun novo mosaico multideporte, por exemplo para facer un mellor seguimento de actividades como o triatlón. E en cicismo, o FTP impulsado por IA desbloquea indicadores exclusivos para unha medición precisa da potencia máxima.
Pola súa banda, o Watch 7 está máis orientado ao benestar cotiá, con rutinas de adestramento e control da actividade física e saúde. Dispón de función de apnea do sono, monitorización de frecuencia cardíaca, notificación de ritmo irregular e funcións de electrocardiograma e presión arterial. Leva un GPS de dobre frecuencia, para rastrexar a ubicación con maior precisión, mesmo en entornos urbanos densos, e pódese personalizar con novas correas de reloxo.
Watch 7 e Watch Ultra son os primeiros reloxos intelixentes en incorporar Wear OS 5, a versión máis potente de Wear OS até o de agora. Destaca polo seu rendement oe mellora enerxética, para poder empregar os dispositivos durante máis tempo.
O Watch Ultra está dispoñíbel nun único tamaño de 47 mm, ofrecendo unha pantalla de 1,7 polgadas cun brillo máximo de 3.000 nits, e unha batería que ofrece 48 horas de autonomía (590 mAh). Pola súa banda, o Watch 7 chega en dous tamaños (44 mm e 1,5 polgadas e 40 mm e 1,3 polgadas), con baterías de 425 e 300 mAh, respectivamente.
En canto a dispoñibilidades, o Watch Ultra véndese por 699 € en titaneo gris, titaneo prata e titaneo branco. Pola súa banda, o Watch 7 de 44 mm pódese mercar en verde gris por 349 euros (399 € a versión LTE), e o Watch 7 de 40 mm en verde e crema por 319 euros (369 € a versión LTE).
Galaxy Buds3
A terceira xeracións dos auriculares sen fíos de Samsung fíxose chegar, mais semella que espera pagou a pena. A serie Galaxy Buds3 chega con dous modelos, Buds3 e Buds3 Pro, e toda a potencia de Galaxy AI. Con isto ofrece non só os habituais comandos de voz, senón tamén funcións avanzadas como Intérprete. Esta ferramenta permite, por exemplo, asistir a unha conferencia en directo noutro idioma e que esta sexa traducida directamente nos auriculares Buds, eliminando as barreiras lingüísticas.
Incorporan novos micrófonos para analizar o son interno e externo en tempo real e mellorar así a calidade do son e a cancelación activa de ruído (ANC) mediante Adaptative EQ e Adaptative ANC. No caso dos Buds3 Pro, recollerán e analizarán constantemente o son do entorno para axustar o nivel óptimo de ruído sen necesidade de axustes manuais medainte diversas ferramentas.
Ambos modelos foron redeseñados en base a unha serie de datos estatísticos recopilados, tamén no modo de interactuar con eles mediante pequenos toques ou deslizando o dedo. Os Buds3 Pro son de tipo canle, para quen busca un son envolvente, mentres os Buds3 son de tipo aberto, pensando nas persoas que prefiren usar o dispositivo en diferentes situacións durante longos períodos de tempo.
Os novos Buds xa se poden mercar no noso país, por 179 € os Galaxy Buds3 e por 249 € os Galaxy Buds3 Pro. Están dispoñíbeis en branco ou gris.