Recentemente pasou polas nosas mans un dos dispositivos da gama de entrada de Motorola. Falamos do Motorola G04, un trebello que podemos atopar por menos de cen euros nalgunha das súas versións, e que pode ser unha alternativa para atender necesidades básicas.
Deseño e acabados
Sempre dicimos que a primeira impresión é como nos entra un produto polos ollos. Motorola consegue que esa primeira impresión sexa boa. O Motorola G04 é un dispositivo atractivo, rematado en plástico duro agradábel ao tacto, e ofrecendo unha combinación de cores realmente atractiva.
A parte traseira é un todo único, que lixeiramente se eleva na zona da cámara e o flash LED. O único elemento discordante nesta capa é a presenzado logo de Motorola nunha posición central.
Os botóns sitúanse no lateral dereito, por riba os controis de volume e por baixo o de acendido, que acolle ao tempo o lector de pegadas dixitais. Xa na parte inferior atopamos o conector USB C e o altofalante estéreo.
Os marcos que rodean a pantalla son xenerosos, e a bandexa para as tarxetas SIM (admite dúas tarxetas nanoSIM sitúase no lateral esquerdo. Na parte superior temos o conector jack de audio 3.5 mm.
Hardware e rendemento
O Motorola G04 está equipado cun procesador UNISOC T606. Trátase dun modelo de oito núcleos, dos cales catro son Cortex-A75 a 1.6 GHz e outros catro Cortex-A55, tamén a 1.6 GHz. Xunto a el temos versións de 4 ou 8 GB de memoria RAM (expandíbeis mediante virtualización na mesma capacidade) e 64 ou 128 GB de memoria interna, respectivamente. Cunha tarxeta microSD podemos engadir máis espazo para almacenaxe.
A conectivide vén dada por LTE e WiFi ac, ademáis de Bluetooth 5.0. Dispón de minijack de audio, pero non de NFC. O lector de pegadas dixitais está situado nun dos botóns laterais.
Destaca a súa resistencia ás salpicaduras de auga, e tamén a integración del Dolby Atmos para conseguir un son de maior calidade. Para iso fai uso dun sistema de altofalantes estéreo, que conseguen ofrecer bo nivel de volume con nitidez.
Pantalla
A pantalla é un panel LCD de 6,56 polgadas, con resolución HD+ (1600 x 720 píxeles) e relación de aspecto 20:9. Esta resolución é inferior aos mínimos que estamos afeitas hoxe en día, que parten de FHD. Mais non debemos perder a perspectiva que estamos ante un dispositivo ultrabarato.
Se miramos moi de preto veremos que a visualización non é perfecta, pero a unha distancia normal a súa calidade é máis que aceptábel. Pareceunos especialmente interesante que ofrece unha taxa de refresco de até 90 Hz, que se pode configurar en tres opcións: 60 Hz, 90 Hz ou automático.
O seu brillo, de 550 nits, é un pouco limitado para exteriores con condicións de moita luz, aínda que na meirande parte das situacións que o empregamos fóra da casa non foi un problema excesivo para poder usar o terminal con certa normalidade.
Dispón tamén de dous axustes de cor para personalizar, natural e saturado. Escoller un ou outro é cuestión de gustos, no noso caso quedamos co natural, que é un pouco máis apagado pero ao tempo non tan artificial como o saturado.
Cámara
Dispón dunha única cámara traseira, de 16 MP con f/2.2. Está integrado nun módulo que parece ofrecer dúas cámaras, mais un dos espazos está reservado para o flash LED.
Esta cámara está potenciada mediante intelixencia artificial (IA) para mellorar os resultados, e temos que dicir que nos sorprendeu positivamente. Non é que o dispositivo consiga facer fotografías de gran calidade, mais nunhas condicións de boa iluminación aproba con nota.
A través de software consegue simular o efecto retrato e mellora -algo- a visión nocturna. Tamén ofrece outras funcións que xa case veñen de serie en calquera dispositivo, como o HDR. Ademais, integra Google Lens para un uso máis cómodo desta funcionalidade de Google.
O sistema de cámaras complétase cunha cámara frontal de 5 MP, que resolve a necesidade de contar cun sensor para autorretratos puntuais ou para realizar videochamadas.
Software
A nivel software, Motorola fai unha aposta por ofrecer unha experiencia sinxela. É de agradecer, en especial nun modelo de especificacións máis limitadas. Este Moto G04 non é unha excepción, e o fabricante púxoo á venda con Android 14 case sen personalizar, a excepción dalgunhas aplicacións propias ou a app de cámara.
Entre os axustes destaca a posibilidade que ofrece de virtualizar memoria para expandir a RAM, partindo da capacidade inicial desta. No modelo que probamos, de 8 GB de RAM, podemos expandir esta capacidade en 2, 4 ou 8 GB adicionais, que contribuirán a un funcionamento máis fluído na multitarefa.
Batería
A autonomía do dispositivo vén dada por unha batería de 5.000 mAh, que non conta con carga rápida. Na caixa que se comercializa vén cun cargador de 10 W, co que conseguir ter o trebello completamente cargado tras algo máis de 3 horas de enchufe.
Ao ter especificacións máis limitadas, o dispositivo consegue ofrecer moitas horas de uso. Podemos, facilmente, superar os dous días de uso mixto sen esforzo. E ademais, se facemos pouco uso del, o consumo en espera redúcese significativamente até ser “practicamente” inexistente.
Conclusións
O Motorola G04 é un modelo de gama entrada, e como tal debe entenderse. Un dispositivo básico que pode ser suficiente para persoas que só van empregar o WhatsApp, ou como segundo teléfono. Sen destacar especialmente en nada, resulta moi interesante para a súa gama de prezo, xa que se sitúa por riba da competencia.
O resumo podería ser que é un trebello que resolve. E para un dispositivo que se sitúa por baixo dos cen euros nalgunha das súa versións é o todo un éxito.
O Moto G04 está dispoñíbel en catro chamativas cores (vermello, verde, azul e negro), e dúas combinacións de memoria: 64 + 4 GB ou 128 + 8 GB. A primeira custa uns 85 €, mentres que a de maior capacidade pódese adquirir en 109 €.