OnePlus continúa a adiantar información da presentación que ten preparada para o próximo martes en Milán. Se hai uns días daba a coñecer os catro dispositivos que protagonizarán o evento (Nord 4, Pad 2, Buds 3 e Watch 2R), agora vén de adiantar novos datos.
A primeira novidade é que dá luz á imaxe inicial da presentación, amosando o deseño dos catro trebellos a presentar. E a segunda ten que ver co novo smartphone, o OnePlus Nord 4, que contará coa garantía de soporte software máis prolongada da marca até o de agora.
En concreto, OnePlus apunta a que este novo smartphone fabricado en aluminio contará con seis anos de garantía de software. Serán catro actualizacións completas de Android (unha por ano) e seguridade, ás que se sumarán outros dous anos unicamente de actualizacións de seguridade. É algo que xa están a ofrecer outros fabricantes, como a propia Google nos seus modelos Pixel ou Samsung nos dispositivos de gama alta.
A isto súmase a tecnoloxía Battery Health Engine, que deseñada para que a batería poida traballar durante máis tempo. Esta tecnoloxía -deseñada por OnePlus- emprega a intelixencia artificial (IA) para analizar o uso da batería e os hábitos de carga das susuarias. Así, optimiza diferentes parámetros (como a cantidade de enerxía que ingresa até o tempo que o teléfono tarda en acadar o 100%), co obxectivo de manter un correcto funcionamento acorde á duración do software do teléfono.
O vindeiro 16 de xullo, o OnePlus Nord 4 será oficial, xunto coa tablet OnePlus Pad 2, os auriculares sen fíos OnePlus Buds 3 e o reloxo OnePlus Watch 2R.