WhatsApp prepárase para integrar a transcrición de mensaxes de voz

De seguro que en máis dunha ocasión recibiches unha mensaxe de WhatsApp en audio e, polo que fose, non podías escoitala. Debes saber que non es a única. Ter forma de acceder a esas mensaxes é unha das funcionalidades máis demandas polas usuarias, que a compañía parece que vai atender. E é que a transcrición das mensaxes de voz está máis preto ca nunca.

A última versión beta de WhatsApp -a número 2.24.15.5- inclúe como principal novidade a transcrición das mensaxes de voz. Nunha captura que comparten desde WABetaInfo pódese ver que a aplicación implementa esta característica, que estará dispoñíbel tanto para as mensaxes de voz enviadas como para as recibidas.

Tamén semella que vai incluír de entrada diversos idiomas, entre os que cando menos parece que estarán o inglés, o español ou o portugués do Brasil, entre outros. Enténdese que haberá soporte para outras linguas descargando paquetes de idiomas, pero falta por ver se estará dispoñíbel para o galego ou se, pola contra, as usuarias que empregamos habitualmente este idioma aínda temos que agardar para sacarlle todo o partido.

Nas últimas semanas WhatsApp engadiu novas funcionalidades á aplicación, como un atallo que permite responder ás mensaxes de vídeo instantáneos ou a posibilidade de crear avatares personalizados mediante Meta AI.

Sobre o autor

Reply