Aínda queda preto dun mes para que Google anuncie os novos modelos Pixel. Será o 13 de agosto cando o fabricante renove os seus smartphones coa nova familia Pixel 9. As primeiras informacións apuntaban a tres modelos (Pixel 9, Pixel 9 Pro e Pixel 9 Pro XL), aos qeue agora se suma un modelo encartábel, o Pixel 9 Pro Fold.
Tras os primeiros datos e deseños, agora veñen de filtrarse os prezos en Europa a través dun provedor francés. Segundo esta información, o modelo máis básico, o Pixel 9, tería un prezo de partida de 899 €, coa versión de 128 GB. E subiría até os 999 € na de 256 GB.
O Google Pixel 9 Pro, pola súa banda, partiría dos 1099 € para a versión de 128 GB de capacidade. O modelo con 256 GB subiría aos 1.199 €, eo de 512 GB a 1.329 €. A versión máis grande, o Pixel 9 Pro XL custaría 1.199 € con 126 GB, 1299 € con 256 GB, 1429 € con 512 GB e 1.689 € con 1 TB.
O modelo encartábel, o Pixel 9 Pro Fold, custaría 1.899 € con 256 GB, mentres que un modelo de 512 B custará 2.029 euros.
Características filtradas
En canto ás especificacións destes trebellos, nas últimas semanas vimos coñecendo algunhas das súas principais características. Todos eles contarán co mesmo procesador, o Tensor G4, deseñado pola propia Google e fabricado por Samsung. Tamén semella que sería común contar con 12 GB de memoria RAM.
As pantalla do Pixel 9 será de 6,24 polgadas, subindo ás 6,34 polgadas no Pixel 9 Pro e 6,73 polgadas no Pixel 9 XL. O modelo encartábel, o Pixel 9 Pro Fold, contará cunha pantalla externa de 5,8 polgads e unha interna flexíbel de 7,6 polgadas.
A nivel fotográfico, todos contarían con dobre cámara traseira, formada por un sensor principal de 50 MP e un ultra gran angular. As versións Pro -incluído o modelo encartábel- engaden un teleobxectivo en forma de periscopio cun zoom óptico de 5x aumentos.