Motorola incorpora novas experiencias de IA na familia razr xunto con Google

Motorola vén de anunciar unha colaboración con Google para incorporar novas experiencias impulsadas por intelixencia artificial (IA) e funcións avanzadas na familia razr. Deste modo, as usuarias de razr poden acceder a Gemini directamente desde a pantalla externa do encartábel de Motorola.

A aplicación Gemini de Google é un asistente persoal baseado en intelixencia artificial. Contribúe a potenciar a creatividade como a produtividade das usuarias, tanto se se precisan instrucións paso a paso como axuda para a planificación de proxectos ou viaxes, ou o desenvolvemento de textos. Entre os seus puntos fortes están a integración con outros servizos de Google, como Maps, YouTube, Flights, Gmail e Drive.

As usuarias de razr 50 ultra obterán gratuitamente tres meses de acceso a Gemini Advanced, é dicir, aos modelos de IA máis avanzados de Google. Tamén disporán, sen custe adicional, de 2 TB de almacenaxe na nube e Gemini en aplicacións como Google, Gmail, Docs, etc., todo incluído no plan Google One AI Premium.

As usuarias dos trebellos Motorola terán acceso a funcións exclusivas integradas en Mensaxes de Google, como Photomoji. Esta funcionalidade transforma as fotos en emojis e stickers personalizados, engadindo un toque visual ás mensaxes. Tamén disfrutarán de Magic Compose, que axuda a recibir suxerencias de resposta en varios estilos (emocionado, relaxado, formal, curto…).

Proximamente as usuarias poderán acceder tamén a Ask Photos desde a pantalla externa dos seus dispositivos Motorola. Esta ferramenta ofrece un novo xeito e buscar fotos con Gemini no noso albume, accedendo de forma rápida aos nosos recordos. E todo sen esquecerse das ferramentas de edición baseadas en IA de Google Fotos, como Magic Editor, Magic Eraser e Photo Unblur, entre outras.

A colaboración entre Motorola e Google tamén introducirá proximamente funcións de moto AI habilitadas por Google Cloud, como Moto Magic Canvas, que permite crear imaxes só coa descrición en texto. Tamén Style Sync, para crear fondos de pantalla totalmente personalizados a partir de fotos, como poden ser un estampado da roupa ou imaxes da contorna.

Máis aló da IA, Motorola e Google tamén se asociaron para ofrecer ás usuarias de razr e Android unha forma máis precisa e cómoda de atopar os obxectos de valor. Ampliando o ecosistema de Motroola, o novo moto tag é compatíbel coa banda ultraancha, axudando ás usuarias a atopar elementos cotiás como chaves, carteiras e equipaxe a través da rede de busca de dispositivos de Google.

Sobre o autor

Reply