Novo Motorola edge 50 Pro Business Edition, con apps de Windows 365

Lenovo vén de anunciar o lanzamento dun novo dispositivo: o Motorola edge 50 Pro Business Edition. Como ben indica o seu nome, trátase dunha edición especial do Motorola edge 50 Pro, orientado cara o público profesional e empresas.

A principal novidade deste dispositivo é unha colaboración entre Motorola e Microsoft para mellorar a produtividade e reducir custes. O dispositivo intégrase á perfección con Windows 365, facendo que sexa un ordenador na nube que directamente pode levar a usuaria no seu peto. Deste modo, mediante Windows 365, as traballadoras poden empregar Outlook, Excel, PowePoint e moitas outras aplicacións, con acceso ininterrompido ás capacidades esenciais do trebello, como as chamadas, mensaxes, apps Android e xestión de arquivos.

Para mellorar a produtividade, Motorola integrou nesta edición profesional Smart Connect, unha nova aplicación que integra os ecosistemas de Lenovo e Motorola, creando unha experiencia multidispositivo unificada e sen fisuras. Grazas a ela, as usuarias poden realizar chamadas, mandar mensaxes e compartir arquivos facilmente entre dispositivos Lenovo e Motorola, incluíndo portátiles, algunhas tablets e smartphones. Tamén expandir a pantalla dos seus dispositivos a monitores de gran tamaño ou televisores.

O Motorola edge 50 Pro Business Edition chega tamén cun conxunto de servizos e solucións de seguridades, respaldada por ThinkShield, ademais de cinco anos de actualizacións de seguridade. Outras ferramentas deste campo que inclúe son Moto Secure 3.0 (consolida todas as funcións de seguridade e privacidade nunha soa aplicación); MotoSafe (bloqueo de dispositivos ne caso de perda ou roubo); e Moto KeySafe (seguridade a nivel de hardware para chaves ou moedas dixitais).

Especificacións técnicas do Motorola edge 50 Pro Business Edition

O Motorola edge 50 Pro Business Edition está equipado co procesador Qualcomm Snapdragon 7 Gen 3, combinado con até 12 GB de memoria RAM e até 512 GB de almacenaxe de memoria interna. A súa pantalla é un panel pOLED sen bordes de 6,7 polgadas.

Outras características a destacar son a súa cámara principal, presidida por un sensor de 50 MP, e unha cámara para autorretratos tamén de 50 MP. Tamén ofrece carga rápida de 125W mediante cable, e de 50W sen fíos.

O Motorola edge 50 Pro Business Edition pode mercarse na tenda en liña de Motorola por 699 €.

Sobre o autor

Reply