Tal e como estaba previsto, OnePlus anunciou onte nun evento en Milán unha catro novos dispositivos. Entre eles desta o OnePlus Nord 4, un teléfono de gama media cunha interesante folla de características que destaca por ser o primeiro smartphone 5G que conta cun deseño unibody metálico. Recupera así un material asociado aos modelos premium de hai anos, que a meirande parte dos fabricantes substituíron polo cristal.
O OnePlus Nord 4 está equipado cunha pantalla AMOLED de 6,74 polgadas, con formato 20.1:9 e resolución 2772 x 1240 píxeles. Ten unha taxa de refresco de 120 Hz e é compatíbel con HDR10+. Ademais, integra o lector de pegadas dixitais baixo a mesma.

No seu interior atopamos un procesador Qualcomm Snapdragon 7+ Gen 3, xunto cunha GPU Adreno 732. Segundo as versións, a RAM é de 12 ou 16 GB, e a memoria interna de 256 ou 512 GB de capacidade. En ningún dos casos é ampliábel por tarxetas microSD.
En canto á fotografía, a cámara principal é un sensor Sony LYT-600 de 50 MP con f/1.8 e estabilización óptica de imaxe (OIS). Conta tamén cun sensor ultra gran angular de 8 MP e 112 grados, e unha cámara para autorretratos de 16 MP con f/1.3 na parte frontal do trebello. OnePlus integrou os mesmos algoritmos de fotografía RAW vistos no OnePlus Serie 12, que permiten axustar e retocar as tomas manualmente para conseguir resultados óptimos.
A súa batería sitúase nos 5.500 mAh de capacidade, con carga rápida de 100 W. Isto permite conseguir 5 horas de visualización de multimedia con 5 minutos de carga, ou ter o teléfono completamente cargado en 28 minutos. Ademais, conta con protección Battery Health Engine, que emprega a intelixencia artificial para analizar a cantidade de enerxía que entra, e ampliando a vida útil da mesma co paso do tempo.

Na conectividade temos 5G, ademais de Bluetooth 5.4 con aptX HD e WiFi 6E. Tamén incorpora altofalantes estéreo e vén con certificación IP65 fronte auga e pó. O seu sistema operativo é Android 14, coa capa de personalización OxygenOS 14.1.
IA para uso diario no OnePlus Nord 4
Como todo móbil anunciado neste 2024, o OnePlus Nord 4 non é alleo á integración da intelixencia artificial (IA). O fabricante integrou o seu software Trinity Engine, que estuda a CPU, a RAM e a ROM para asegurar un funcionamento ao máximo da súa capacidade, dando así resposta aos requirimentos da IA.
O OnePlus Nord 4 conta con diversas ferramentas de IA para a produtividade. AI Speak e AI Summary axudan a compartir información dunha ampla gama de webs e apps. E AI Writer contribúe á redacción de mensaxes baseándose en breves indicacións. Tamén integra AI Recording Summary, capaz de resumir a gravación dunha reunión nun breve resume coas cousas máis importantes, ademais de ofrecer a transcrición.

A fotografía tampouco fica allea ás novidades da IA. O OnePlus Nord 4 emprega as ferramentas que xa foran anunciadas anterioremente noutros modelos da marca. Entre eles están AI Eraser, que elimina elementos non desexados das imaxes; AI Best Face, para elixir e mellor toma; AI Clear Face, que dá definición ás fotos; e AI Smart Cutout 2.0, que permite combinar elementos entre imaxes.
Dispoñibilidade e prezo do OnePlus Nord 4
O OnePlus Nord 4 está dispoñíbel en tres acabados e cores diferentes. O primeiro, Obsidian Midnight, é un deseño clásico en bronce cepillado, escuro e discreto. O segundo, Mercurial Silver, presenta un deseño metálico 2D gravado con láser. E o terceiro, Oasis Green, é un esquema de dous tons máis vibrante.
Pódese adquirir en dúas variantes, atendendo á capacidade da RAM e da memoria interna:
- 12 e 256 GB por 499 €
- 16 e 512 GB por 599 €.
Estará dispoñíbel a partir do 8 de agosto, aínda que as reservas xa están abertas, ofrecendo ademais ofertas e descontos. As primeiras persoas en reservar o OnePlus Nord 4 recibirán un regalo, que poden escoller entre un bolso de viaxe TUMI (valorado en 210 €), uns auriculares OnePlus Nord 3 Pro (valorados en 79 €); unha funda para o OnePlus Nord 4 (39,99 €) ou un adaptador OnePlus 80 W SuperVooc (59,99 €).
Todos os regalos gratuítos están dispoñíbeis en cantidades limitadas e se ofrecen até agotar as existencias. Ademais, todas as persoas que fagan a reserva entrarán no sorteo dun número limitado de maletas TUMI, valoradas en 1.150 € cada unha.
OnePlus ofrece un 10% de desconto adicional a estudantes, e un bono de 50 € para as persoas que entreguen un dispositivo antigo.
Máis info | oneplus