OnePlus anunciou novidades onte desde Milán, entre eles o OnePlus Nord 4, o primeiro smartphone 5G fabricado integramente en metal. Tamén a OnePlus Pad 2, a súa nova tablet de referencia. Un trebello que destaca pola súa potencia e autonomía, orientándose claramente cara a produtividade.
A nova OnePlus Pad 2 está equipada cunha pantalla IPS de 12,1 polgadas, con resolución 3000 x 2120 píxeles e formato 7:2. A súa taxa de refresco é de 144 Hz, o brillo máximo de 900 nits, e vén equipada con Dolby Vision.

No interior temos o último procesador Qualcomm de gama alta, o Snapdragon 8 Gen 3. Xunto a el, 12 GB de memoria RAM e 256 GB de memoria interna, que farán que teña un funcionamento fluído, á altura das necesidades das ferramentas máis potentes.
A súa batería é de 9.512 mAh, con carga rápida de 67 W. Grazas a isto, a tablet pode estar completamente cargada en 81 minutos. OnePlus asegura que a tablet é quen de proporcionar unha autonomía de até 43 días en repouso. Aínda que na práctica non vaiamos conseguir esas cifras, semella que autonomía é un punto forte para o uso no día a día.
Integra dúas cámaras, unha principal de 13 MP e unha frontal de 8 MP, axeitada para videochamadas. Completando a experiencia multimedia, o sistema de son está composto por seis altofalantes estéreo, sendo compatíbel coa cerfificación Hi-Res.
Da súa conectividade destaca, ademais da WiFi, a presenza do NFC. Como sistema operativo emprega Android 14, coa personalización OxygenOS 14, ás que se engaden varias apps e ferramentas para transferir información entre dispositivos ou a función para partir a pantalla en tres.

A tablet chega con accesorios que completan a experencia, como o OnePlus Stylo 2 (un lapis con 16.000 niveis de sensibilidade) ou o OnePlus Smart KeyBoard, un teclado con inclinación axustábel de até 165 graos.
Dispoñibilidade e prezo da OnePlus Pad 12.
A OnePlus 12 xa se pode reservar no noso país, onde se vende por 549 €. Os primeiros envíos realizaranse o 1 de agosto.

Xunto coa OnePlus Pad 2 pódese mercar o lapis OnePlus Stylo 2 por 99 €, o teclado OnePlus Smart KeyBoard, por 149 €; ou unha funda estándar valorada en 59 €. Como oferta de lanzamento, podemos levar o accesorio que mellor nos encaixe gratuitamente, ademais dun desconto directo de 50 €.
Máis info | oneplus